//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
A Cidade da Cultura reuniu preto de 15.000 persoas nos doce concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás, que se celebraron entre os meses de xullo e agosto. Cun cartel de 14 artistas, erixiuse como a segunda edición máis multitudinaria deste ciclo de música gratuíto, que se celebra desde hai 16 anos na Cidade da Cultura e procura ser escaparate das tendencias actuais. A actuación de 9Louro foi a que tivo maior afluencia, cunhas 5.000 persoas que encheron a Praza central do Gaiás para escoitar este referente da música urbana.
A Cidade da Cultura volverá converterse o próximo 28 de agosto nun punto de encontro para os novos sons urbanos coa celebración da III Lingua Urbana, unha cita que se consolida dentro da programación dos Concertos do Xacobeo. A terceira edición de Lingua Urbana contará con Yung Beef e Dirty Suc, dous dos nomes máis recoñecidos da escena urbana, aos que se suma Abhir, que ofrecerá en Santiago a súa única actuación en Galicia durante 2026. A presenza galega terá un peso destacadocoa participación de Arce, 9Louro, Lg1do, Sote, Carlos Barral ou Valesk8.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.
O Centro Dramático Galego porá en escena do un ao catro de outubro, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, a coprodución 'A gaivota, ensaio aberto', tras realizar estes días na Cidade da Cultura unha estadía técnica e artística no marco do programa DescArtes das Residencias artísticas do Gaiás. A gaivota, ensaio aberto é unha coprodución entre o Centro Dramático Galego, a compañía galega Crémilo, a portuguesa Colectivo 84, Teatro San Martín de Buenos Aires, Teatro del Galpón de Montevideo e outras entidades internacionais. O proxecto foi creado nas Residencias ArtisTEA do Concello de Ponteareas e conta coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón e do Ministerio de Cultura de Cabo Verde.
A cuarta edición de Electrofauna vaise desenvolver ata o sábado 1 de agosto na contorna do parque de Vista Alegre de Santiago de Compostela, con música ao vivo, rutas de descuberta natural, visitas guiadas, proxeccións, artesanía, danza, obradoiros e demais actividades inspiradas no respecto ambiental e deseñadas para todos os públicos. Na programación musical destacan as actuacións das galegas Zeltia Irevire, Catuxa Salom, Peitoescuro, High Paw, XianPais e Terra DJs, ademais de DJ Daasanach, DJ Eva Chloé e Bstudio Danza. Esta carteleira únese aos concertos internacionais de Asmaa Hamzaoui & Bnat Timbouktou, chegadas desde Marrocos, Nidia Góngora coa súa última formación Nuevos Ríos con artistas de Colombia e Francia (Canalón de Timbiquí e Reco Reco) e Tiraya, orixinario de Venezuela.
Celebrouse hoxe a reunión do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, na que se avanzou na organización do I Congreso Internacional de Estudos sobre as Peregrinacións, unha das principais iniciativas académicas deste órgano dentro do programa do Xacobeo 2027. Durante a sesión, que tivo lugar na sede do Consello Económico e Social de Galicia, abordáronse cuestións de carácter organizativo e científico relativas a este encontro internacional, que se celebrará en Santiago de Compostela no mes de maio de 2027 baixo o lema 'O futuro da peregrinación: camiños en transformación'. A cita reunirá investigadores, académicos e especialistas de diferentes países para reflexionar sobre a evolución das peregrinacións desde unha perspectiva histórica, cultural, patrimonial, espiritual e social.
A Xunta de Galicia traslada de xeito permanente a Santa de Asorey a Galicia coincidindo co centenario da súa creación, no ano 1926. Así, tras máis de sete décadas en Montevideo, e emblemática obra realizada por Francisco Asorey pasará a estar exposta na Cidade da Cultura. Considerada unha das obras clave para comprender a traxectoria de Asorey, a Santa é unha das pezas máis relevantes da escultura galega do século XX, ademais dun ben cultural fundamental da memoria artística e da emigración galega. Así mesmo, está considerada un símbolo da modernización artística e cultural de Galicia no primeiro terzo do século pasado.
O Compostela TradFest desenvolverase en tres dos espazos máis emblemáticos do casco histórico compostelán: a Praza da Quintana, a Praza de Mazarelos e a Igrexa da Universidade, integrando o patrimonio monumental da cidade nunha experiencia cultural aberta e gratuíta para todos os públicos. Entre os nomes máis destacados figuran Budiño, un dos grandes referentes da música galega actual; Felisa Segade, unha das voces máis recoñecidas da nova escena tradicional; a artista Ana Alcaide, acompañada polo estadounidense Bill Cooley; o portugués O Gajo ou o arxentino Martín Bruhn.
Desde o pasado 13 de xullo un equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo unha nova campaña de intervención arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, que permitiu confirmar a súa ocupación prehistórica.
A USC celebra este ano o centenario da Biblioteca América, unha das coleccións bibliográficas e documentais máis singulares de Europa sobre o continente americano, coa exposición A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926 que abriu as súas portas no Colexio de Fonseca. A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela é un dos fondos americanistas máis singulares conservados en España.
Unha nova investigación realizada no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo) permite afondar no coñecemento sobre o clima e o ambiente do pasado nas serras orientais galegas. A investigación, liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (Cispac), conta coa colaboración de dous membros da Universidade de Vigo.
A Universidade da Coruña iniciou o proxecto TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade arredor do Patrimonio Literario Rural, unha iniciativa financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) no marco da convocatoria 2025 de Cultura Científica, na modalidade ACTS (Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade).
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira puxo este domingo o broche final a unha edición histórica que destacou pola calidade artística, a participación e a dimensión alcanzada por un evento que, durante cinco xornadas, converteu a vila no gran punto de encontro das culturas atlánticas. A edición de 2026 pasará á historia como a de maior concentración de actividades programadas por día desde a creación do Festival.
O catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina Fernández é o gañador do Premio Porteiro Garea na súa novena edición. Reunido o pasado 9 de xullo, o xurado decidiu por unanimidade concederlle o premio a 'unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes, e tamén no establecemento da súa forma culta actual'.
Entre o 13 e o 31 de xullo desenvolverase unha nova campaña de escavación arqueolóxica no Alto de San Cibrán, entre os concellos de Ponteareas e Salceda de Caselas, no marco do proxecto de investigación Castelos no Aire. A intervención dará continuidade aos traballos iniciados en 2024, que permitiron identificar este enclave como un dos centros fortificados máis relevantes da Alta Idade Media na contorna do río Miño.
A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
'A idea tomou corpo nun rato de charla espontánea, pero porque xa nos roldaba', recoñece Fernando Romo Feito, editor e tradutor da Eneida en verso ao castelán, publicada por La Oficina de Arte y Ediciones. Precisamente foi cos editores da obra cos que o docente e investigador xubilado da UVigo Fernando Romo mantivo hai tres anos esa conversa e da que xurdiu unha obra sobre a que asegura 'de non gustarlles o resultado, sei que non a sacarían'.