Noticias

Galicia exporá de xeito permanente a 'Santa' de Asorey na Cidade da Cultura

A Xunta de Galicia traslada de xeito permanente a Santa de Asorey a Galicia coincidindo co centenario da súa creación, no ano 1926. Así, tras máis de sete décadas en Montevideo, e emblemática obra realizada por Francisco Asorey pasará a estar exposta na Cidade da Cultura. Considerada unha das obras clave para comprender a traxectoria de Asorey, a Santa é unha das pezas máis relevantes da escultura galega do século XX, ademais dun ben cultural fundamental da memoria artística e da emigración galega. Así mesmo, está considerada un símbolo da modernización artística e cultural de Galicia no primeiro terzo do século pasado.

Tras a súa presentación, no ano 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, a peza foi adquirida en 1951 pola colectividade galega emigrante en Montevideo, onde estaba exposta ata este momento. En 2022, e tras máis de sete décadas, o Goberno galego adquiriu a figura no marco do proceso concursal da Casa Galicia en Montevideo ao abeiro do cal a Xunta de Galicia adquiriu boa parte dos bens que albergaba, entre os que se inclúen tamén fondos documentais e bibliográficos.

Nese momento, a Administración autonómica acordou co Goberno de Uruguai que a peza pasase a exhibirse no Museo Zorrilla. Con todo, os últimos cambios no relato expositivo desta institución e a reorganización da súa colección motivan agora o seu traslado a Galicia para garantir a idónea contextualización, estudo e contemplación da obra por parte do público.

O retorno da peza, que xa se puido ver en Santiago de Compostela con motivo da exposición Galicia, un relato no mundo, que se exhibiu na Cidade da Cultura e recibiu máis de 46.000 visitas, é posible grazas á estreita colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, o Goberno do Uruguai e a dirección do Museo Zorrilla, co apoio das colectividades galegas na diáspora.

R., 2026-07-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261111-xunta.jpg) Celébrase o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas, do que sairá elixida a súa nova Comisión Delegada, composta por 13 entidades de España, Europa e América, coa misión de traballar polos intereses dos galegos na diáspora durante os vindeiros tres anos. Na inauguración do Consello foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e o Brasil. Os recoñecidos son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreo de Anciáns da Vellez Desamparada, Regina Jallas, e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-gallega Caballeros de Santiago, de Salvador de Bahía, Lourdes Valencia.
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O festival EmigraSON pecha o cartel para a súa quinta edición, que se celebrará en Bruxelas os días 5 e 6 de marzo de 2027. As últimas incorporacións son Carlangas, 9Louro e Tapa D’Orella, ademais da Asociación Cultural Galega A Roda, de Lausanne, que protagonizará a foliada da primeira xornada. Carlos Pereiro, máis coñecido como Carlangas, é un músico orixinario de Monterroso pero compostelán de adopción. Alí fundou en 2007 Novedades Carminha, unha das bandas galegas máis exitosas das últimas décadas coa que publicou cinco álbumes ata a súa disolución en 2022.
A IA converteuse nun dos fenómenos con maior impacto social dos últimos anos, xerando ao mesmo tempo novas oportunidades e importantes interrogantes éticos, sociais e legais. As súas aplicacións están a transformar ámbitos como a educación, a comunicación, o acceso á información, o emprego ou a toma de decisións. Ao mesmo tempo, o seu avance vai acompañado de relatos, mensaxes e informacións que contribúen a facer pasar por verdade aquilo que non o é.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES