Buscador
Noticias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que as novas medidas para paliar os efectos da guerra de Irán aprobadas polo Goberno central terán 'un impacto directo nas arcas autonómicas' xa que Galicia 'deixará de ingresar máis de 120 millóns de euros' nos tres meses que estas medidas estarán inicialmente en vigor. As medidas con impacto fiscal anunciadas polo Goberno central enfócanse na redución do IVE e dos impostos especiais para os carburantes, electricidade e gas. Ao estar estes tributos cedidos ás Comunidades Autónomas, o impacto derivado da menor recadación repártese entre o Estado e as autonomías, en función da porcentaxe de cesión(no IVE é do 50%, nos impostos especiais do 58%).

O Centro Dramático Galego amplía desde esta semana a experiencia de exhibición do seu novo espectáculo, Hamlet, cunha programación paralela que incorpora tres pases de Mala vida e pior morte de Ricardo III, os días 25 de marzo, 1 e 8 de abril ás 20,30 horas, e, por outra, unha nova entrega das ImproVersións a través da proposta A propósito de William, que levará a cabo o colectivo Improversados os domingos 29 de marzo e 5, 12, 19 e 26 de abril á mesma hora. O desenvolvemento desta programación expandida completarase cunha acción especial na véspera do Día Mundial do Teatro, que reunirá o xoves 26 de marzo preto de 73 estudantes de secundaria e ensinanzas escénicas.

O número de emigrantes galegos persoas que naceron en Galicia e residen no exterior volve baixar un ano máis en 2.006 persoas, continuando a tendencia dos últimos exercicios. En paralelo, a poboación galega total que reside no exterior increméntase debido ás novas inscricións de persoas descendentes de galegas e galegos nacidas no estranxeiro, ata acadar os 563.303 (incremento de 15.051 persoas, un 2,75%) a 1 de xaneiro de 2026, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.

Foi presentadoo o novo festival Sons de Vigo que se celebrará do 27 de marzo ao 4 de abril no Ifevi. Este evento aposta tanto por grandes nomes do panorama nacional como por artistas locais da escena galega. A presentación, celebrada no Paseo das Avenidas, xunto ao monumento a Julio Verne como un dos símbolos de Vigo, contou coa actuación de Castle e Milutxo, músicos locais que ofreceron varios dos seus temas. Sons de Galicia forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo organizados pola Xunta de Galicia, unha iniciativa que impulsa a celebración de grandes citas musicais en Galicia. O ciclo comezará o 27 de marzo con Lingua Urbana, un dos cinco eventos musicais que acollerá o Ifevi dentro desta programación.

Publicada en 1603, a traxedia do príncipe de Dinamarca pisa agora o escenario do Centro Dramático Galego cunha versión que sitúa no presente os seus conflitos e as tensións da coñecida trama: Hamlet enfróntase á morte do pai, ao precipitado matrimonio da súa nai co seu tío e á aparición dun fantasma que lle esixe vinganza, nunha historia marcada pola traizón, o remorso e a procura de certezas nun mundo moralmente corrompido. Nesta nova montaxe constrúese ao longo de 130 minutos unha peza viva, accesible e tamén divertida, sen renunciar á profundidade do texto orixinal. A intención é ofrecer un espectáculo no que o público galego poida verse reflectido dalgún xeito, recoñecendo cuestións, contradicións e dilemas que tamén forman parte da nosa época.

Os profundos cambios experimentados polo mercado laboral nos últimos anos, vinculados sobre todo ao despegue da dixitalización, requiren dunha constante actualización das competencias profesionais e, neste contexto, foi no que xurdiron as microcredenciais, cursos breves pensados para resolver o reto da capacitación rápida para todo tipo de perfís impartidos por universidades e outras institucións en distintas modalidades. De momento, cada país europeo organizou o seu propio sistema, pero a idea é camiñar cara a creación dun futuro modelo europeo de microcredenciais, algo para o que xa se puxo en marcha un consorcio internacional liderado desde a Universidade de Vigo e financiado polo Servizo Español Para a Internacionalización da Educación, SEPIE, con 400.000 euros, no marco do programa Erasmus+.

A Real Academia Galega de Ciencias elixiu á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como 'Científica Galega do Ano'. Foi unha investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos, labor que exerceu desde o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, pertencente ao CSIC. O investigador do Instituto José Luís Garrido, quen, ademais de traballar durante tres décadas con Aida Fernández Ríos mantivo con ela unha relación moi estreita, destaca o que el chama 'o efecto Aida': 'Tiña un carisma extraordinario e un encanto persoal tremendo'.

A Xunta de Galicia trasladou á Comisión Europea (CE) a súa inquedanza ante a reforma do Regulamento Xeral de Costas que está a impulsar o Goberno central, xa que unha vez analizado xuridicamente o anteproxecto en tramitación conclúe que é contrario a dereito xa que incumpre a lexislación española, ademais de ignorar a opinión das comunidades autónomas competentes na materia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, aproveitou a súa viaxe a Bruxelas para reunirse con varios membros da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEMES da CE, aos que lles entregou un informe sobre a análise xurídica realizada pola Xunta do anteproxecto de Real Decreto de modificación do Regulamento de Costas.

Con esta decisión, procúrase ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra de Galicia. O obxectivo con esta renovación é impulsar estes eidos na actividade deste centro museístico, referente da arte contemporánea en Galicia e España, tras case once anos con Santiago Olmo á fronte da súa dirección. Como resultado do seu labor, o Centro Galego de Arte Contemporánea acadou en 2025 ser recoñecido como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.