Buscador
Noticias
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades públicas galegas, de dez concellos e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, xa ten aberto o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado. Unha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen.
A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto exhibirá desde o 1 ata o 6 de outubro un total de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres apartados: a sección oficial Cosmos, Planeta GZ para as propostas máis singulares de Galicia, e Supernova, dedicada ao cinema emerxente galego, ademais dunha ampla programación paralela que se estende ao pensamento e ás artes sonoras e visuais máis vangardistas. As cineastas Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras neste certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
As ensinanzas de formación profesional en Galicia volven rexistrar este curso "un novo récord" con 68.823 alumnos, o que supón "un incremento dun 7%" (4.235 estudantes máis) con respecto ao ano pasado, e "o dobre" que no curso 2008/09 (34.766 matriculados). Tal e como se reflicte nun informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP elevado ao Consello da Xunta, este crecemento de matrículas é xeneralizado en todas as modalidades de FP, así como no conxunto do territorio, e deriva principalmente do deseño dunha oferta ampla, variada e actualizada que chega a todas as áreas xeográficas e que se viu reforzada este ano no eido da tecnificación e a alta cualificación.
O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ten entre os seus obxectivos acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia; a coordinación dos sistemas de I+D+i e dos recursos dispoñibles, favorecendo a colaboración público-privada; a coordinación da Comunidade Autónoma nos plans e programas nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e avaliación dos resultados acadados en relación cos obxectivos propostos.
O obxectivo destes galardóns é recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas. Os establecementos interesados en optar aos premios poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 28 de outubro. Poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio 2024, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2024, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2024, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2024, cunha contía de 5.000 euros e e Premio Comercio Consumo Responsable, con 3.000 euros.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirá esta fin de semana a todo o seu equipo de Goberno na localidade lucense de Sober, onde levarán a cabo dúas xornadas de traballo nas que desenvolverán os próximos fitos da acción de goberno para os vindeiros meses, así como as liñas estratéxicas da lexislatura. As xornadas tamén servirán para apoiar a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra de cara a acadar en 2026 o recoñecemento como Patrimonio Mundial. O Goberno galego, que puxo en marcha o proxecto no 2017, xa fixo entrega á embaixada de España ante a Unesco do primeiro expediente da candidatura.
En Outono Gastronómico participan 77 establecementos de turismo rural, 31 dos cales ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van desde paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras. Por provincias, A Coruña conta con 24 establecementos participantes; Lugo, con 23, e Ourense e Pontevedra con 15 establecementos cada un. A iniciativa desenvolverase desde este 13 de setembro ao 15 de decembro, coa intención de desestacionalizar e impulsar o sector do turismo rural que, ata xullo, se aloxaron máis de 100.000 persoas.
A Xunta de Galicia porá en marcha de cara a 2025 un plan para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. Así o anunciou hoxe no Parlamento de Galicia o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na súa resposta a unha interpelación relacionada co seu departamento na que salientou que 'a política lingüística impulsada pola Administración autonómica ao longo dos últimos anos permite que Galicia teña hoxe un modelo cordial e integrador no que non existen conflitos'.
O plan Eduemprende leva máis dunha década fomentando a cultura emprendedora no alumnado de FP, é un dos piares da estratexia educativa galega para promover a creación de proxectos empresariais e a innovación. A convocatoria do plan Eduemprende está actualmente aberta e finaliza o vindeiro 10 de outubro. Este, dirixido ao alumnado de ciclos formativos de grao medio e superior, ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño, así como ao alumnado de Bacharelato, ESO e Primaria, ten como obxectivo promover a cultura do emprendemento e facilitar a transición da vida académica á laboral.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión deste martes da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde, entre outras cuestións, se aprobou un ditame sobre o papel das rexións e das cidades na estratexia da UE con África. Galicia e outras rexións concordaron nos beneficios de cooperar con este continente, pero reclamaron a descentralización desta tarefa para mellorar a súa eficacia. En concreto, apostaron por instrumentos de financiamento inclusivos que apoien as autoridades locais africanas e por unha arquitectura institucional que fomente esta cooperación descentralizada.