
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirá esta fin de semana a todo o seu equipo de Goberno na localidade lucense de Sober, onde levarán a cabo dúas xornadas de traballo nas que desenvolverán os próximos fitos da acción de goberno para os vindeiros meses, así como as liñas estratéxicas da lexislatura.
O retiro dos membros do Goberno galego tamén servirá para reforzar a coordinación entre departamentos, fixar obxectivos a curto e longo prazo e definir as prioridades en cada área. Neste sentido, o encontro está pensado para seguir analizando e intentando dar a máxima resposta ás necesidades dos galegos e galegas coa fin de acadar o seu benestar e seguir facendo da comunidade un lugar referente tanto en investimentos como en calidade de vida.
Defensa da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial
As xornadas tamén servirán para apoiar a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra de cara a acadar en 2026 o recoñecemento como Patrimonio Mundial.
O Goberno galego, que puxo en marcha o proxecto no 2017, xa fixo entrega á embaixada de España ante a Unesco do primeiro expediente da candidatura e aproveitará a estadía en Sober estes días para poñer en valor unha vez máis todos os atractivos e posibilidades desta zona que comprende as provincias de Lugo e Ourense.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.