
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe no Día da Eurorrexión, centrado na cultura e celebrado na sede do Consello da Cultura Galega. A iniciativa intégrase no proxecto Nortear, promovida no marco do programa Interreg EspañaPortugal (POCTEP), con participación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Direção Regional de Cultura do Norte e a propia AECT da Eurorrexión.
O evento sinalou máis de tres décadas de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, reafirmando a importancia da cultura como ponte de entendemento e desenvolvemento compartido entre os dous territorios. Na súa intervención, Jesús Gamallo referiuse á cultura como un territorio sen fronteiras. Celebrar a Eurorrexión é celebrar a capacidade que temos de construír xuntos o futuro, valorando as nosas raíces comúns, engadiu.
O programa incluíu unha conferencia do historiador Ramón Villares, seguida da mesa redonda As Casas de Escritores da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, que reuniu representantes de institucións literarias de referencia, como a Casa de José Régio de Vila do Conde, a Fundación Camilo José Cela, a Fundación Rosalía de Castro e a Casa de Camilo Castelo Branco, entre outras.
O evento culminou coa entrega do Premio Literario Nortear 2024 e 2025, que distingue novos talentos da escrita da Eurorrexión, a Manuel Villa e Diana Teixeira, respectivamente, da man de Nuno Almeida, da Dirección da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, AECT. Almeida destacou unha undécima edición de éxito para o premio, que recibiu máis de cincocentas cincuenta obras de novos escritores de entre 16 e 36 anos nos dous territorios.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.