Notas de prensa

A UDC estrea 'Abastos de Ciencia', un espazo onde converxen a divulgación científica e a gastronomía

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.

As propostas abranguen disciplinas como a fisioterapia, a informática, a enxeñaría, a economía, a sustentabilidade, a educación, a historia, a xeoloxía e as ciencias sociais, entre outras.

A partir das 11:30 horas celebraranse catro mesas redondas, con persoal investigador Ramón y Cajal da UDC que desenvolven a súa actividade nos distintos centros de investigación da universidade como son CICA, o CITEEC, o CITENI e o CITIC. Nestes encontros abordarán cuestións de actualidade científica desde diferentes perspectivas.

A primeira, titulada “Un planeta en transformación: pasado, presente e futuro”, contará coa participación de Armand Hernández Hernández, Pablo Pita Orduna, Blanca Moncunill Solé e Luis Alejandro Blanco Calvo. De 12:00 a 12:30 horas desenvolverase a segunda conversa, “Comprender o invisible: modelos, simulacións e novas tecnoloxías”, con José Luis Rodríguez Sánchez, Jose A. Iglesias Guitián e Antonio José Álvarez Naveira.

Logo dunha pausa para o café, a programación continuará ás 13:00 horas coa mesa “As fronteiras da medicina: detectar, tratar e rexenerar”, na que participarán Juan Antonio Fafian Labora, Aurora Rodríguez Rodríguez, María Elena Rodríguez García-Rendueles e Ana Rey Rico.

A última das conversas, “Cerebro e vida cotiá: como pensamos, nos comunicamos e regulamos o corpo”, terá lugar de 13:30 a 14:00 horas e reunirá a José Luís Pardo Vázquez, Silvia Martínez Ferreiro, Luís Varela Fernández e Diego Álvarez Estévez.

Obradoiros para experimentar coa ciencia

Ademais das mesas redondas, a oferta de actividades permitirá achegarse á investigación universitaria dun xeito práctico e participativo. Así, entre as 11:00 e as 14:00 horas, desenvolveranse diversos obradoiros simultáneos e abertos a todos os públicos. As propostas abranguen ámbitos moi diversos, desde a saúde e a evolución humana ata a informática, a intelixencia artificial, a computación cuántica e a enxeñaría. O público poderá, entre outras actividades, coñecer estratexias para o manexo da artrose de xeonllo, experimentar coa xeración de enerxía eólica, descubrir como se aplican os algoritmos ao estudo do sono ou explorar os principios da mecánica cuántica a través de xogos e demostracións.

A programación incluirá tamén actividades sobre economía e sustentabilidade, almacenamento de enerxía renovable, educación e intelixencia artificial, así como propostas de divulgación histórica e creación de chapas inspiradas nas divisas históricas. Haberá ademais espazos para reflexionar sobre o territorio mediante o xogo, realizar experimentos científicos, descubrir a evolución humana a través da observación de cranios e achegarse á enxeñaría civil mediante experiencias relacionadas co ferrocarril, as pontes e os materiais. Completan a oferta dous obradoiros do CICA sobre os solos, a vexetación e a erosión, e sobre o enfoque One Health, que aborda a saúde desde unha perspectiva interdisciplinar.

A xornada rematará cun concerto de Carmela, previsto entre as 14:00 e as 15:00 horas. Ademais, o público contará durante toda a mañá con postos de comida e bebida de WACO, A Parva, La Ramona, Pastelería Palestina e Alla Romana.

Con esta programación, “Abastos de Ciencia” propón un novidoso espazo de encontro entre a comunidade investigadora e a cidadanía, no que a experimentación, o diálogo e a participación permitirán descubrir a presenza da ciencia na vida cotiá.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-11-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES