
En concreto, a temperatura media en Galicia foi de 15,5 graos, o que segundo os datos de once estacións meteorolóxicas representativas, é 1 grao superior ao valor normal. As temperaturas máximas máis altas rexistráronse nas ribeiras do Miño ourensán e os valores máis baixos das mínimas foron nas comarcas da Limia e de Verín, no Macizo Central e na Serra Calva.
En canto ás precipitacións, en outubro só houbo tres xornadas nas que a chuvia foi xeneralizada pola chegada de frontes frías desde o Atlántico. O resto dos días foi seco ou rexistráronse choivas tormentosas illadas no interior que afectaron só ao norte de Lugo e da Coruña.
Así, a precipitación media acumulada foi de 34 litros por metro cadrado, un 79% inferior aos datos habituais en outubro, segundo os datos rexistrados en 16 estacións meteorolóxicas representativas. Polo tanto, pode considerarse un mes moi seco. Teriamos que remontarnos ata o ano 2007 para atopar un outubro máis seco.
Os maiores acumulados de precipitación rexistráronse nas serras da Faladoira e do Xistral e na ría de Foz, con valores de entre 90 e, puntualmente, 150 litros por metro cadrado. Pola contra, os máis baixos, que oscilaron entre 10 e 15 litros por metro cadrado, localizáronse nas depresións de Ourense e da Limia, na área de Allariz, na serra do Larouco e no val do río Támega.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.