Buscador
Notas

O Neolítico Final foi un período de profundos cambios sociais en toda a Península Ibérica. Con todo, en Galicia existe un importante oco de coñecemento sobre como vivían e como morrían as persoas que habitaron ese tempo. Agora, unha investigación liderada polo catedrático da USC Antonio Martínez Cortizas acaba de publicar dous traballos científicos que permiten afondar na vida das persoas que facían olaría hai 5.000 anos.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC será o anfitrión do III Congreso Internacional Solar MHD, un encontro científico de referencia que reunirá a persoal investigador de todo o mundo durante a semana da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un fenómeno que converterá a España nun dos principais escenarios para a observación.

Dez universidades de España acaban de constituír ConfIA, a Rede Interuniversitaria de Centros de Excelencia en Intelixencia artificial Confiable e Responsable, unha iniciativa que reúne algúns dos principais centros de investigación en intelixencia artificial do Estado co obxectivo de fortalecer a colaboración científica, coordinar iniciativas estratéxicas e contribuír ao desenvolvemento dunha intelixencia artificial responsable, confiable e aliñada cos valores europeos.

A electrónica orgánica promete revolucionar sectores como os da electrónica de consumo, a saúde ou a xeración de enerxía grazas á súa flexibilidade, lixeireza e baixo custo de fabricación. Comprender como inflúe o proceso de produción no comportamento destes materiais é o obxectivo da pescuda que desenvolveu Jesika Asatryan.

O profesor Alberto Vaquero é o novo director do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Relevando no cargo a Roberto Ignacio Fernández, o novo responsable asume con ilusión e ganas a dirección dun Campus Auga que, afirma, 'ten que ser o selo de calidade para o noso campus de Ourense'.

O Galician Freaky Film Festival presentou diante do MARCO o cartel oficial e as primeiras novidades da súa décima edición, que se celebrará do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo. Un dos momentos centrais da presentación foi o descubrimento do cartel desta décima edición, dedicado ao filme The Fly (La Mosca), e a participación especial de Toxie, a mascota do festival desta edición, un vingador tóxico moi vigués. Durante o acto tamén se desvelou a programación da sección GFFF Tribute.

A Premio Nobel de Física en 2023, Anne L'Huillier, participará o vindeiro mes de outubro no Programa de divulgación científica ConCiencia, da USC e do Consorcio de Santiago. A investigadora conseguiu o recoñecemento da Academia sueca polos seus métodos experimentais que xeran pulsos de luz de attosegundos para o estudo da dinámica do electrón na materia.

Cunha xuntanza celebrada na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, na que participaron representantes da Xunta e das tres universidades do SUG, iniciáronse os traballos para a elaboración do Plan Galego de Financiamento Universitario 2028-2032. O período 2028/32 manterá a estrutura do plan vixente, incluíndo as novidades incorporadas ao SUG nos últimos anos, como a matrícula gratuíta ou a Fundación Galtia.

A European Society for the Study of English, a asociación de maior relevancia nos estudos ingleses en Europa, desenvolverá o seu 18º congreso internacional en Santiago do 31 de agosto ao 4 de setembro. Este encontro reunirá preto de 800 investigadores de máis de 33 países europeos, ademais de Xapón, Estados Unidos, Canadá ou a India, que debaterán sobre os avances no campo da lingüística inglesa e da literatura e a cultura dos países anglófonos.

Desde o pasado 13 de xullo un equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo unha nova campaña de intervención arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, que permitiu confirmar a súa ocupación prehistórica.