Notas de prensa

As Xornadas Horizonte Eurorrexional definen unha folla de ruta común para reforzar o I+D+i entre Galicia e o Norte de Portugal

As Xornadas Horizonte Eurorrexional Galicia-Norte de Portugal organizadas en Santiago pola Fundación CEER consolidaron un paso decisivo cara á creación dun espazo universitario eurorrexional máis integrado. O encontro inaugurouno Inês Gusmãn, directora do CEER, xunto con Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da USC, quen destacaron a importancia estratéxica da cooperación eurorrexional no contexto europeo.

As persoas responsables dos Servizos de Apoio á Investigación e á Innovación de cada universidade ofreceron na xornada unha visión detallada da súa estrutura, recursos e funcionamento, nun intercambio que permitiu situar o punto de partida común e identificar similitudes e diferenzas entre os modelos organizativos das institucións galegas e portuguesas. Xa no traballo por mesas, os equipos analizaron de forma colaborativa necesidades, problemáticas e oportunidades de mellora, sendo este un espazo de diálogo directo e operativo entre os profesionais responsables da xestión da investigación nas dúas marxes do Miño e o persoal da Fundación CEER.

Necesidades compartidas para un ecosistema máis sólido
Algunhas das necesidades claves expostas polos Servizos Universitarios de Apoio á Investigación e á Innovación para mellorar a súa eficacia e reforzar o papel estratéxico das universidades na captación de fondos internacionais teñen que ver co coñecemento en profundidade das áreas de I+D de as persoas que traballan en cada universidade da Eurorrexión, mellorando a interconexión e evitando duplicidades.

Potenciar a visibilidade interna e externa dos servizos, facilitando a comunicación, a coordinación e a participación en proxectos conxuntos; impulsar intercambios de persoal e formacións conxuntas, co obxectivo de homoxeneizar procesos e fortalecer capacidades profesionais, e crear un directorio eurorrexional de xestores, que simplifique o contacto e o traballo colaborativo entre institucións foron outras cuestións apuntadas por este persoal, que considera tamén necesario compartir datos e estatísticas estruturadas por ámbitos de investigación ou programas.

Folla de ruta eurorrexional para derrubar barreiras
A partir de todas estas achegas, xunto coa identificación de problemas recorrentes e boas prácticas existentes, elaborouse unha batería de propostas comúns. A Fundación CEER encargarase agora de sintetizar este traballo na creación dunha Folla de Ruta Eurorrexional, que orientará e promoverá accións conxuntas destinadas a eliminar barreiras administrativas, mellorar o coñecemento mutuo e a coordinación e maximizar o impacto da investigación universitaria galego-portuguesa.

Ao longo da xornada quedou patente o rol do CEER como catalizador do ecosistema universitario da Eurorrexión, favorecendo a cooperación académica e científica entre Galicia e o Norte de Portugal. A vontade común expresada apunta a un futuro marcado por maior integración, eficiencia e capacidade de influencia nos principais programas europeos de I+D+i, así como a expansión de oportunidades coa busca de novas oportunidades de enfoque e financiamento.

Logo do encontro, a organización conclúe que “Galicia e o Norte de Portugal están a construír, de maneira coordinada, un espazo universitario conxunto máis sólido, preparado e con maior capacidade de resposta fronte aos desafíos europeos actuais e futuros”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES