Noticias

Galicia exixe o rescate da AP-9 e asina cos gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración 'Compostela'

A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Lembrou que o Goberno galego vén de presentar o escrito de demanda para exixir a información que o Estado remitiu á Comisión Europea en relación co ditame sobre a prórroga da concesión da AP-9.

Incidiu en que o “Goberno debe asumir xuridicamente o ditame e, por outro lado, as tres CCAA nos dirixiremos á CE para que impulse con celeridade a conclusión do procedemento de infracción derivado do ditame”.

Neste sentido, avanzou que os “tres Gobernos autonómicos pedirán unha reunión co vicepresidente Executivo de Mercado Interior da CE, Stéphane Séjourné, para trasladarlle a preocupación ante unha situación de discriminación territorial que é inaceptable”.

María M. Allegue sinalou que a AP-9 presta servizo a máis do 60% da poboación galega e une as principais cidades. Criticou que mentres o Goberno libera peaxes noutros territorios, a AP-9 é cada vez máis cara. Puxo como exemplos os traxectos, só de ida, entre Ferrol e Tui, cun desembolso de 28€ e o da Coruña a Vigo, 21,40€.

Reivindicou que “o Goberno central rescate a AP-9 e proceda logo á transferencia da titularidade á Xunta, pero un traspaso financiado”. Lamentou que o Goberno negue o rescate, cando “o seu custe é equivalente ao que debe pagar polas bonificacións comprometidas ata a fin da concesión”.

Defendeu a transferencia da AP-9, que debe vir “financiada”, é dicir, sen cargas extra para a Comunidade, e coa certeza de que as futuras cargas que poidan xurdir dos procesos xudiciais abertos en relación coa autoestrada sexan asumidas polo Estado.

Fixo fincapé en que o traspaso ten que respectar o texto aprobado por unanimidade na Proposición de Lei Orgánica do Parlamento de Galicia, sen desvirtualo como pretenden agora grupos políticos como PSOE, BNG e Sumar.

R., 2026-06-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES