
Máis de 100 concellos impartirán a partir de xullo cursos de introdución á lingua e cultura galegas destinados á poboación non nada na Comunidade para favorecer a súa integración, convivencia e inclusión sociocultural efectiva, tal e como destacou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, durante a xornada de formación celebrada hoxe para as entidades locais que acollerán estas propostas.
Tal e como lembrou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro desta iniciativa, unha das medidas inmediatas postas en marcha no marco do Pacto pola Lingua para fomentar o prestixio do galego, realizáronse o ano pasado un total de 105 cursos con 1.503 participantes de ata 39 nacionalidades.
Neste senso, Valentín García destacou que a poboación proveniente do exterior e asentada no territorio é un dos núcleos da sociedade onde poñemos o foco para incentivar a presenza da lingua, poñendo á súa disposición ferramentas para achegarse tanto a nocións de gramática básica como a contidos culturais e históricos. Así, tras a grande acollida na súa primeira edición, puntualizou, porase en marcha de novo este programa formativo ata o primeiro semestre de 2027 e que se desenvolve a través da Rede de Dinamización Lingüística, así como a través de varios convenios de colaboración con Cáritas Federadas Galicia, Cáritas Diocesana Lugo e a Cruz Vermella
Do léxico útil a unha aproximación ao contexto histórico galego
Este curso está estruturado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega. Cada unidade integra contidos de fonética, para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronuncia; de gramática, centrada nas estruturas básicas e frecuentes da lingua; de léxico útil, cun enfoque comunicativo para situacións cotiás, e culturais, nos que tamén hai unha aproximación á historia do galego.
Cómpre destacar neste senso que, grazas a esta iniciativa, que se desenvolveu durante o 2025, elaboráronse materiais en liña descargables que agora están dispoñibles de xeito gratuíto no Portal de Lingua para calquera persoa interesada.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.