
A combinación destes dous instrumentos sitúa a proposta da USC entre as iniciativas máis completas e sistemáticas desenvolvidas polas universidades españolas. Mentres que boa parte das institucións conta con guías, recomendacións, instrucións ou directrices centradas en ámbitos específicos, a USC propón un marco normativo transversal acompañado dunha estratexia institucional de formación, implantación, seguimento e actualización.
O regulamento establece os principios, as garantías, as condicións de uso e as responsabilidades aplicables á utilización da IA no conxunto da actividade universitaria. Entre outros aspectos, aborda a transparencia, a responsabilidade humana sobre os resultados, a integridade académica, científica e profesional, a protección dos datos e da información confidencial, a propiedade intelectual e industrial, a seguridade e a supervisión humana das actuacións e decisións asistidas por estes sistemas.
Un plan institucional de formación en IA responsable
O Plan FIAR constitúe o instrumento de desenvolvemento das actuacións de formación, información, sensibilización e acompañamento previstas no regulamento, que á súa vez se enmarca no Regulamento de Intelixencia Artificial da Unión Europea e responde á necesidade de promover a alfabetización en IA e garantir que estas tecnoloxías se utilicen con coñecemento das súas posibilidades, limitacións, riscos e condicións de uso. A USC traslada estas esixencias a unha estratexia de capacitación dirixida á comunidade universitaria e adaptada aos seus distintos colectivos e funcións. FIAR estrutúrase arredor de catro programas: IA na aprendizaxe, IA na docencia, IA na investigación e na transferencia de coñecemento e IA na xestión universitaria.
A súa implantación realizarase de forma progresiva a partir deste curso e prevese tamén a creación dunha rede de persoas referentes en IA e un sistema de seguimento e avaliación para coñecer o alcance das actuacións, valorar os resultados e incorporar as actualizacións necesarias ante a evolución tecnolóxica, normativa e organizativa.
Do regulamento e do Plan FIAR derivarán guías, procedementos, modelos e cursos de formación para facilitar a súa aplicación nos distintos ámbitos da actividade universitaria. Os anexos do Plan achegan xa algúns exemplos destes instrumentos, que poderán incorporarse, adaptarse e actualizarse durante a súa implantación.
Tal e como indicou a delegada da reitora para a Estratexia Dixital, María José Carreira, con esta iniciativa, a USC aposta por unha integración da intelixencia artificial que combine innovación, responsabilidade humana, protección dos dereitos e desenvolvemento de competencias, dentro dun marco institucional común e coherente.
Fundación Outeiriño Seara
Na mesma xuntanza do Consello de Goberno, aprobáronse os estatutos da Fundación Outeiriño Seara, mandato testamental de José Luís Outeiriño Seara, que instituíu herdeira a USC establecendo como carga sucesoria a creación dunha fundación destinada exclusivamente ao impulso de proxectos en materia de descubrimento de novos fármacos e desenvolvemento de novos medicamentos.
Entre as actividades da Fundación, destacan a promoción da investigación en farmacoloxía, farmacodinámica, farmacocinética, farmacoxenómica, farmacoxenética, tecnoloxía farmacéutica, sistemas de liberación de medicamentos e, en particular, en terapias avanzadas así como o asesoramento en proxectos e creación de novas infraestruturas coa finalidade primixenia.
Favorecer a creación de empresas con base no coñecemento universitario, promover a investigación orientada ao descubrimento de fármacos e desenvolvemento de medicamentos para tratar enfermidades raras, colaborar en actividades con outras fundacións públicas ou privadas aliñadas co obxecto fundacional ou outorgar premios e distincións aos avances científicos son outras das accións a realizar dende a Fundación, na que a Universidade ostentará permanentemente a maioría dos membros do Padroado.
Outros asuntos
A orde do día da xuntanza incluía ademais, en materia de persoal, o sometemento a aprobación da adscrición de persoal investigador no marco do Programa Oportunius, dunha prórroga de contrato de PDI, de sexenios, e do nivel retributivo a aplicar na asignación do complemento de produtividade ao persoal investigador posdoutoral.
A política de Calidade da USC, o regulamento do Centro de Linguas Modernas e da Orquestra e Coro, unha modificación da normativa para acreditar o nivel de coñecemento dun idioma estranxeiro, a incorporación da USC como socio fundador da Asociación Plataforma Tecnológica Láctea Española Vía Láctea, ou a creación da Cátedra de Alfabetización Mediática da USC foron outros temas a tratar.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.