
Dirixido a persoas interesadas nos procesos de normalización lingüística, especialmente profesionais da dinamización cultural e lingüística, docentes, estudantado, persoal técnico e integrantes de asociacións e entidades sociais, o curso ofrecerá un espazo de reflexión e intercambio de experiencias arredor da situación actual do galego e das políticas desenvolvidas nas últimas décadas.
A programación desta décimo novena edición centrarase na análise histórica da evolución das políticas e normativas vinculadas á dinamización da lingua galega desde a implantación da monarquía parlamentaria. O obxectivo é avaliar en que medida, malia a recuperación das liberdades democráticas, continúan presentes inercias e desigualdades estruturais que dificultan a normalización plena do idioma.
Entre os obxectivos do curso destacan comprender os procesos históricos que influíron na dinamización lingüística en Galicia, analizar o papel da lingua como elemento de identidade e memoria colectiva, reflexionar sobre as iniciativas sociais a favor do galego e valorar os avances e retrocesos rexistrados no proceso de normalización.
Un programa para analizar o pasado e pensar o futuro da lingua
O curso será inaugurado o día 7 de xullo e ao longo de dúas xornadas desenvolveranse conferencias, mesas redondas, comunicacións e obradoiros nos que se abordarán cuestións como o conflito lingüístico na Galicia actual, a recuperación da toponimia tradicional, a presenza da lingua na música e nos medios de comunicación, a conciencia social sobre o galego ou o papel do ensino e das universidades na súa normalización. Participarán especialistas, persoal investigador, profesionais da comunicación, representantes institucionais e persoas vinculadas ao activismo lingüístico e cultural.
A dirección académica do curso corre a cargo de Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor da Facultade de Filoloxía e membro do Grupo ILLA, mentres que a secretaría está coordinada por Marisol Ríos Noya, coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC.
O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 3 de xullo e o número de prazas está limitado a 65 participantes.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.