Notas de prensa

Os Encontros Gidein analizan o papel da robótica avanzada e os xemelgos dixitais na industria do futuro

A robótica avanzada, os robots humanoides e os xemelgos dixitais protagonizaron este xoves no edificio Redeiras unha nova edición dos Encontros Gidein, unha iniciativa impulsada polo Grupo de Innovación Docente Empresa e Innovación e o Grupo de Enxeñaría de Fabricación, GEF, da Universidade de Vigo en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG.

Foi un encontro no que se reuniu a persoal docente e investigador, profesionais e público interesado en coñecer de primeira man algunhas das tecnoloxías que están a marcar o presente e o futuro da industria. O programa incluíu os relatorios Robótica avanzada e humanoides. Tendencias, impartido por Víctor Alonso Ramos, director de Manufacturing e Transformación Dixital do CTAG, e O Digital Twin como tecnoloxía clave na industria do futuro, a cargo de Iria Galiñanes Romero, responsable da Área de Digital Twin e Cuántica deste mesmo centro tecnolóxico.

Reforzar a conexión entre a universidade e o tecido innovador

Esta é a segunda actividade organizada baixo o selo dos Encontros Gidein. Segundo explica o coordinador da xornada, o profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Diego Carou Porto, a iniciativa nace da vontade de achegar á comunidade universitaria a experiencia e o coñecemento xerado por empresas e centros tecnolóxicos de referencia.

“Desde o Grupo de Innovación Docente Empresa e Innovación estamos na procura de ampliar o coñecemento que temos na Universidade a partir dunha mellor conexión coas empresas e centros tecnolóxicos”, sinala Carou. Neste sentido, destaca que estas entidades están a desenvolver metodoloxías e ferramentas avanzadas cunha importante orientación ao mercado e que, en numerosos ámbitos, constitúen referentes máis aló do contexto galego.

Nesta liña Carou salienta que o CTAG representa un exemplo destacado desta realidade. “Tras falar con Víctor Alonso e Iria Galiñanes pensamos na organización dunha charla inicial no edificio Redeiras da Universidade de Vigo”, lembra o profesor sobre a orixe desta colaboración.

Da robótica humanoide aos xemelgos dixitais

A través das dúas conferencias, a xornada permitiu coñecer algunhas das liñas tecnolóxicas con maior potencial transformador para o sector industrial. No caso da intervención de Víctor Alonso Ramos, o foco situouse na evolución da robótica avanzada e nos progresos que se están a producir no desenvolvemento de robots humanoides e na súa incorporación aos procesos produtivos. “Buscamos coñecer de primeira man o rol do CTAG en campos como a robótica avanzada e, en particular, os avances que se están a producir no campo dos humanoides e a súa aplicación ao sector industrial”, explica Carou.

Pola súa banda, o relatorio de Iria Galiñanes afondou no concepto de xemelgo dixital, unha tecnoloxía baseada na creación de réplicas virtuais de sistemas, procesos ou produtos que permite optimizar o seu deseño, funcionamento e mantemento. Tratouse de “poñer en común as principais ideas sobre os xemelgos dixitais, desde a súa propia definición ata as principais aplicacións por parte do CTAG”.

Un encontro aberto á comunidade universitaria e á sociedade

O carácter aberto e interdisciplinar constitúe unha das sinais de identidade desta iniciativa. O Grupo de Innovación Docente Empresa e Innovación integra profesorado procedente de diferentes ámbitos de coñecemento, unha diversidade que tamén se reflicte no perfil das persoas ás que se dirixen estas actividades.

“O noso grupo incorpora profesorado de diversas disciplinas e os eventos que organizamos tentan conectar a xente da universidade e da empresa”, subliña Carou. Por este motivo, engade, os Encontros Gidein están concibidos como espazos de intercambio abertos “para docentes, investigadores, profesionais e mesmo para o público xeral”.
A elección do edificio Redeiras como sede desta segunda edición responde precisamente a esa vontade de abrir a actividade á sociedade e favorecer o encontro entre o ámbito académico e os principais axentes da innovación tecnolóxica.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-06-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES