
Trátase dunha iniciativa que se encadra na execución de dous proxectos de investigación vixentes, con financiamento competitivo nacional e autonómico: «Quevedo traductor: edición crítica y anotada de su prosa y su poesía no originales» (Agencia Estatal de Investigación, Ministerio de Ciencia e Innovación, PID2025-170362NB-I00; AEI/FEDER, UE); e Consolidación y Estructuración 2024, Grupo GI‐1373, «Edición crítica y anotada de las obras completas de Quevedo» (EDIQUE, ED431B2024/15).
Dirixido polas profesoras Lúa García Sánchez e María José Alonso Veloso, conta co aval da Asociación Internacional Siglo de Oro (AISO) e un comité científico internacional integrado por recoñecidos especialistas españois e estranxeiros como Antonio Alvar, Rafaèle Audoubert, Elisa Borsari, Daria Castaldo, Samuel Fasquel, Beatrice Garzelli, José María Micó, Luis Pegenaute, Aude Plagnard e Almudena Vidorreta.
O encontro concíbese como unha oportunidade para afondar nas relacións con outro persoal investigador e grupos, e mesmo tecer outras novas que favorezan colaboracións futuras: en proxectos, organización de simposios, estadías de investigación, docencia e mesmo a formación de doutorandos. O Grupo Quevedo mantén, desde hai máis de dúas décadas, interesantes relacións con expertos de distintos países, en particular Francia e Italia, pero tamén Portugal ou Estados Unidos.
Inauguración e relatorios
O congreso que se engade á morea de iniciativas de difusión e divulgación científica que o grupo desenvolve desde hai case vinte anos, froito do seu perfil internacional inaugúrase o xoves 5 ás 9:30 horas, na Sala de Graos, coa intervención de Elias Feijo Torres, decano da Facultade de Filoloxía; María José Rodríguez Espiñeira, directora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral; e as directoras do encontro.
A continuación, a conferencia inaugural corresponderá ao fundador do Grupo Quevedo, catedrático emérito da USC, Alfonso Rey, quen falará de El latinismo sintáctico en el siglo XVII. A primeira mesa de relatorios contará despois coa intervención de Federica Cappelli (Università di Pisa) con Dotta penna in picciolo libretto: apuntes sobre la primera traducción italiana de El Político don Fernando el Católico de Gracián; e Samuel Parada Juncal (USC), con En un valle de mirtos y de alisos: un Quevedo bucólico-religioso en la traducción y paráfrasis del Cantar de los Cantares.
Na segunda mesa de conferencias intervirán María José Alonso Veloso (USC), co traballo Poetas áureos ante el epigrama de Marcial: las imitaciones de Quevedo; Juan Ramón Muñoz Sánchez (Universidad de Jaén), Hacia Los remedios contra la próspera y adversa fortuna de Francisco de Madrid; e David González Ramírez (Universidad de Jaén), ¿Copistas activos o traductores recreadores? Una difícil disyuntiva en torno a la traducción castellana medieval del Decameron.
Na tarde do xoves terá lugar unha sesión de comunicacións na que participará persoal en formación do grupo na USC: Laura Castro Álvarez, co traballo Betis o Guadalquivir en la poesía amorosa de Góngora y Quevedo; Andrea Ramos Casal, con Mujeres traductoras del siglo XVII: Isabel Correa y su teoría de la traducción en El pastor fido; e Jacobo Tajuelo Arenas, con Francisco de Medrano, traductor de la lírica horaciana.
Na xornada do venres falarán, en primeiro lugar, Roland Béhar (École normale supérieure-PSL, ITEM), sobre Diego Gracián, primer traductor castellano de Jean Lemaire de Belges; Miguel Herrero de Jáuregui (Universidad Complutense de Madrid), Elecciones léxicas en la Ulixea de Gonzalo Pérez; e Lúa García Sánchez (USC), Autoría y datación de la traducción de Epicteto atribuida a Pedro de Rúa.
A continuación, intervirán Lucio R. Cebreiro (USC), co título De Morgues a Pellicer: el proceso de traducción y adaptación de Lambassadeur chimérique; Antía Tacón (USC), con Las traductoras del Barroco: redes hispano-portuguesas; e Adrián Izquierdo (Universidad Rey Juan Carlos), Leer y traducir Argenis (1621) de John Barclay en la España del XVII.
A conferencia de clausura corresponderá a Mercedes Blanco (Sorbonne Université), quen disertará sobre Valores poéticos de la traducción (según los prólogos y textos afines).
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.