
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na xornada de presentación dos novos equipamentos do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark, que se suma aos equipos xa anunciados nos últimos meses. Como salienta o representante da Xunta de Galicia, o novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais.
Os computadores cuánticos son adquiridos a través de Telefónica. Deles, o computador cuántico de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia. Esta separación técnica permitirá que o maior se dedique á produción científica e industrial, mentres que o do menor tamaño servirá como banco de probas para desenvolver a capacidade técnica necesaria neste campo emerxente e validar así novos desenvolvementos antes do seu escalado.
Pola súa banda, o novo supercomputador Finisterrae IV, adxudicado a Fsas Tecnchonologies (Fujitsu) e que multiplicará por sete a capacidade de cálculo do actual (Finisterrae III), representa un salto tecnolóxico ao integrar a supercomputación coas posibilidades que abre o uso da intelixencia artificial a gran escala. Ademais, o sistema de almacenamento suporá máis do dobre que o actual e tamén experimentará unha mellora técnica notable, adoptando unha arquitectura xerarquizada que garanta un acceso eficiente e sostido aos datos. O sistema foi deseñado cunha forte énfase na eficiencia enerxética, empregando tecnoloxías de refrixeración líquida para soportar os fluxos de datos intensivos da computación científica actual. En conxunto, esta tecnoloxía contribuirá aínda máis a reforzar a capacidade da nosa I+G+i.
Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, detallou as posibilidades de futuro que se abren co reforzo do CESGA desde varias perspectivas, e destacou o bo momento que está a vivir a ciencia e a innovación feitas na Galicia Calidade, algo que atribuíu ao traballo conxunto de administracións, universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas.
Abordar novos retos científicos
Co novo Cesga, a comunidade investigadora galega e do resto de España e Europa poderá acceder a recursos de cálculo avanzados e procesadores cuánticos, establecendo un ecosistema de datos de alto rendemento adaptado ás demandas e á complexidade dos retos científicos actuais e, especialmente, os que virán da man da nova Factoría Europea de IA 1HealthAI, outro dos fitos acadados recentemente pola I+G+i.
O Cesga está en pleno proceso de renovación das súas infraestruturas, subliñou o conselleiro, unha operación complexa cun investimento total de 56 M procedentes de fondos europeos do PERTE Chip (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica de Microelectrónica e Semicondutores en España no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia) e fondos propios da Xunta. É unha aposta decidida por reforzar o seu papel logo de décadas de traballo ao máis alto nivel, expresou o conselleiro, que animou aos asistentes a continuar esta camiño de progreso.
O reforzo do equipamento do Cesga responde á necesidade técnica de abordar cargas de traballo computacional moi elevadas en áreas como a intelixencia artificial, a simulación científica avanzada e a análise de datos a gran escala. Os novos equipos están pensados como unha evolución dos actuais, con especial énfase na adopción de infraestrutura especializada para IA e en sistemas de computación cuántica que permitan dar novos pasos na investigación de algoritmos cuánticos ou a integración de computación cuántica e clásica. Todo isto combina potencia, eficiencia operativa e escalabilidade técnica para dar soporte á investigación en disciplinas que van desde a xenómica ata a meteoroloxía.
Participantes na xornada
Na xornada celebrada na Cidade da Cultura participaron o subdirector xeral de Grandes Instalacións Científico-Técnicas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, José Ignacio Doncel, e o vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), José María Martell. Así mesmo, asistiron o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o director científico do Cesga, Luis Orosa; o director de Infraestruturas e Apoio á Investigación do Cesga, José Ignacio López; o exdirector xeral de Investigación da Comisión Europea, José Manuel Silva, e o director do Centro de Supercomputación de Barcelona, Mateo Valero, ademais de directores de centros de investigación de Galicia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.