Notas de prensa

Novos Cinemas cumpre dez anos de aposta pola formación e polo impulso a cineastas emerxentes

Centrado nas primeiras e segundas longametraxes de novos directores e directoras, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas celebrará entre o 9 e o 14 de decembro unha década de traxectoria, caracterizada pola súa aposta tanto polo cinema emerxente como pola formación, coa proxección de filmes de 18 nacionalidades e un programa de actividades complementarias.

Promovido pola asociación cultural Novos Cinemas e a produtora Matriuska, co apoio de Universidade de Vigo, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Deputación de Pontevedra e Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisiuales (ICAA), a programación desta edición presentouse este martes no Teatro Principal. “Novos Cinemas naceu sobre todo para poñer o foco na formación de novos espectadores e na formación audiovisual e cinematográfica”, lembrou o director executivo do certame, Daniel Froiz, nunha presentación que contou coas intervencións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o director artístico de Novos Cinemas, Suso Novás.

“A formación atravesa todas as edicións”

A vicerreitora lembrou que Novos Cinemas naceu hai unha década “para pór o foco nas voces que máis nos identifiquen”, centrándose no traballo de directoras e directores noveis e en filmes “que nos sorprenden, nos cuestionan e propoñen novas maneiras de ver o mundo”. Lantarón recalcou o “apoio constante da Universidade de Vigo a este proxecto, desde a súa edición cero”, posto que “ademais das proxeccións”, este festival “é un espazo de formación, debate experimentación”. Desta vertente formativa, destacou tanto a aposta por incluír na programación “a mirada dunha nova xeración de cineastas”, coa estrea das curtas realizadas no obradoiro Cine dende os corpos, impartido por Fazáns, así como a continuidade da sección competitiva Ceres, dedicada aos centros formativos.

“A formación atravesa todas as edicións de Novos Cinemas”, engadiu Novás, nunha presentación que se completou coa presentación do vídeo promocional desta edición número 10, realizado polo estudante da Facultade de Comunicación Nel González.

Esta presentación viuse sucedida pola entrega do I Premio de Cinematografía Novos Cinemas Pontevedra á directora Carla Simón.

Actividades en diferentes puntos da cidade

Alén das proxeccións, no Teatro Principal, dos nove filmes seleccionados para a sección oficial e dos catro incluídos no apartado Latexos, a programación de Novos Cinemas abrangue un conxunto de actividades en diferentes puntos da cidade. Entre eles atópase a sede da Vicerreitoría, que o martes 9 acollerá o taller O guión. Novas narrativas e temáticas no cinema emerxente español, impartido pola crítica de cine Daniela Urzola. A Casa das Campás será así mesmo sede de varias das iniciativas dirixidas aos sete cineastas seleccionados para o laboratorio de proxectos Terralab, no que obteñen o asesoramento de diferentes profesionais. Ademais, a Vicerreitoría albergará un encontro das e dos seleccionados en Ceres, “unha competición de centros formativos de España e Portugal”, explicou Novás.

Unha das novidades desta edición, apuntou Froiz, é o impulso de Ágora, “un espazo de traballo profesional”, que reunirá múltiples axentes do sector e no que se insiren unha serie de encontros, así como unha mesa sobre os dez anos de Novos Cinemas, aberta ao público, que terá lugar o 13 de decembro na Fundación RAC.

No referido ás proxeccións, o festival inaugurase con As liñas descontinuas, segunda longametraxe de Fazáns, e clausurarase con Así chegou a noite, de Ángel Santos. Así mesmo, dedicará o seu apartado Foco á produtora arxentina Un Puma, e contará novamente co Premio Xurado Novo, que será outorgado a un dos filmes da sección oficial por un xurado integrado por tres estudantes do campus, Eva Blanco, Gael Martínez e Marta Rodríguez.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES