Notas de prensa

O CITIC da UDC, referente europeo en solucións TIC para saúde

O CITIC da Universidade da Coruña reafirma o seu papel como referente europeo en solucións TIC aplicadas á saúde a través da súa participación no proxecto europeo RePo-SUDOE, centrado no reposicionamiento de fármacos mediante medicina personalizada. O equipo liderado por Carlos Fernández Lozano traballa na optimización de tratamentos grazas a ferramentas TIC avanzadas.

Estas solucións permiten avanzar en tratamentos máis precisos e eficientes, contribuíndo a reforzar o ecosistema biofarmacéutico da rexión SUDOE (España, Francia e Portugal).

O enfoque de "drug repurposing" aproveita medicamentos xa aprobados para novas indicacións, reducindo custos, acelerando procesos de desenvolvemento e diminuíndo a pegada ambiental, ao mesmo tempo que ofrece solucións para retos actuais como a resistencia a antibióticos e outras enfermidades infecciosas ou xenéticas. Segundo Fernández Lozano, esta estratexia tamén contribúe a un uso máis eficiente dos recursos sanitarios e favorece a innovación rápida na industria farmacéutica.

O proxecto RePo-SUDOE promove a colaboración multidisciplinar: perfís especializados en bioloxía, bioinformática, enxeñaría, química farmacéutica e en saúde pública traballan para analizar grandes volumes de datos e desenvolver ferramentas que faciliten a interpretación de resultados complexos, adaptándoos a distintos contextos terapéuticos.

Segunda Conferencia na Coruña

O próximo 15 de decembro, o Hotel Finisterre da Coruña será o escenario da Segunda Conferencia do proxecto RePo-SUDOE, promovida pola Universidade da Coruña e a Agrupación Industrial Saúde de Galicia, que reunirá a persoal investigador, institucións científico-tecnolóxicas e empresas do sector biofarmacéutico. A conferencia mostrará os avances en métodos de “drug repurposing”, unha estratexia clave para xerar solucións terapéuticas máis áxiles, económicas e eficaces, e abordará desafíos biomédicos actuais como a resistencia a fármacos mediante tecnoloxías de precisión e novas aproximacións científicas.

O programa incluirá relatorios especializados en farmacoloxía, oncoloxía, diagnóstico, multi-ómica, intelixencia artificial e biomedicina, así como unha mesa redonda sobre a regulación do reposicionamiento de fármacos e un espazo de demostracións e networking. Este encontro reforza a colaboración entre centros de investigación, universidades e empresas do sector, promovendo a transferencia de coñecemento e a creación de sinerxías no ámbito biomédico europeo.

O CITIC da UDC acollerá o día 16 de decembro unha sesión especial, con presentacións detalladas dos avances científicos do proxecto, unha demostración profesional de realidade virtual e unha visita guiada ás instalacións do centro. Os asistentes poderán coñecer de primeira man ao equipo investigador responsable dos principais fitos de RePo-SUDOE.

A inscrición para ambas xornadas está aberta a profesionais do sector biomédico, persoal investigador, persoal técnico, empresas de saúde dixital, estudantes e axentes do ecosistema de innovación interesados no potencial do reposicionamiento de fármacos e nas oportunidades de cooperación europea que ofrece o proxecto.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-12-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES