Notas de prensa

UVigo e APV entran no gran consorcio europeo que impulsará a innovación fronte aos retos hídricos, mariños e marítimos da UE

A Universidade de Vigo, a través do Centro de Investigación Mariña (CIM) e o grupo de investigación ETEA, e a Autoridade Portuaria de Vigo (APV) forman parte do consorcio Allwaters, seleccionado polo European Institute of Innovation and Technology (EIT) para liderar EIT Water, a nova Comunidade Europea de Coñecemento e Innovación (Knowledge and Innovation Community). Este KIC estará dedicado a impulsar solucións fronte aos retos hídricos, mariños e marítimos de Europa.

Un KIC é unha comunidade deseñada para fomentar a colaboración entre empresas, centros de investigación e universidades co fin de acelerar solucións innovadoras a retos estratéxicos en Europa. Trátase do principal mecanismo comunitario de apoio á innovación, a transferencia de coñecemento e a formación de talento especializado e supón un paso importante para garantir a futuro da auga no continente, ademais de ofrecer innovacións que poidan responder ás presións ambientais, económicas e sociais dos sistemas hídricos de Europa.

Unha alianza europea sen precedentes

Allwaters involucra 50 socios directos e un ecosistema ampliado de máis de 230 en máis de 30 países, entre eles universidades, centros de investigación, industrias, empresas, portos, organizacións non gobernamentais e pemes. O consorcio foi seleccionado tras un proceso competitivo internacional revisado por expertos independentes e avaliado polo Consello de Goberno do EIT.

O KIC EIT Water abordará de maneira integrada os desafíos da auga doce, os ecosistemas mariños e o ámbito marítimo, centrándose na escaseza de auga, as secas e inundacións, a degradación dos ecosistemas de auga doce e mariños e o desenvolvemento dunha economía azul circular e sostible. Entre as súas metas para 2033, EIT Water prevé impulsar 247 innovacións e 58 startups, apoiar a creación de 1380 empregos cualificados e evitar perdas económicas de máis de 1200 millóns de euros derivadas da degradación de ecosistemas acuáticos.

Vigo, referente de innovación azul

Desde Vigo, a alianza entre a UVigo e a APV conseguiu entrar no consorcio e traballará conxuntamente para fortalecer a investigación aplicada ao ámbito portuario e mariño, promover a formación especializada en sustentabilidade e economía azul e desenvolver solucións innovadoras que contribúan á resiliencia climática dos ecosistemas costeiros e á xestión eficiente da auga.

O director do CIM, Daniel Rey, considera que “para o Centro de Investigación Mariña formar parte da nova Comunidade Europea de Innovación da auga representa un importante recoñecemento ao traballo que vimos desenvolvendo no ámbito mariño e marítimo, así como unha oportunidade única para proxectalo a escala europea”. Ademais, sinala que “a nosa participación no consorcio apóiase no liderado do Campus do Mar e na estreita colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo, con quen comparto unha visión común de innovación, sustentabilidade e compromiso coa economía azul”. Esta alianza, segundo Rey, consolida Vigo como un nodo estratéxico dentro da rede europea de coñecemento mariño e na procura de solucións fronte aos grandes retos hídricos, mariños e costeiros. “Aspiramos a que Vigo e Galicia se consoliden como referentes europeos en coñecemento mariño e xestión sostible da auga, demostrando que a cooperación entre universidades, portos e empresas é esencial para construír un futuro azul máis xusto, competitivo e sostible”, explica o director do CIM.

Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, considera que “a aprobación deste proxecto é dunha gran importancia, xa que reforza a colaboración tan estreita que estamos a ter coa Universidade de Vigo e co Campus do Mar, á vez que reforza os máis de 40 proxectos en marcha no Porto de Vigo no marco da nosa estratexia Blue Growth”. Considera Botana que só entidades do máximo prestixio poden formar parte deste consorcio, “xa que existiu unha poxa moi grande entre portos e universidades para ser parte do mesmo". O presidente da APV explica que, tanto o Porto de Vigo, como a propia Autoridade Portuaria e a Universidade, están a coller un posicionamento estratéxico a nivel europeo e internacional como dous grandes centros de referencia en Economía Azul e investigación, “o que nos reforza, fronte ao futuro, para atraer novos proxectos e actuacións. Vigo tense que converter nesa Cidade das Ciencias, e isto só é posible cunha colaboración estreita e conxunta entre o Porto e a UVigo".

Financiamento e prazos

O KIC recibirá unha subvención inicial de ata cinco millóns de euros en 2026 da EIT, destinada a poñer en marcha a estrutura de gobernanza, os marcos operativos e o plan estratéxico que guiarán o desenvolvemento de EIT Water. Este primeiro ano terá un carácter principalmente preparatorio, centrado na organización interna e na definición de prioridades de actuación, mentres que se prevé que a comunidade sexa plenamente operativa en 2027, cando comezarán a despregarse os programas europeos de innovación, emprendemento e formación.

A longo prazo, o consorcio aspira a mobilizar máis de 500 millóns de euros e configurarase como unha asociación aberta e colaborativa, integrando universidades, empresas, portos e centros de investigación. De maneira progresiva, atraerá recursos e xerará unha cadea de valor que fortalecerá a innovación, a transferencia de coñecemento e a sustentabilidade do conxunto do ecosistema azul europeo.

Sobre o European Institute of Innovation and Technology

O EIT é un organismo da UE e forma parte integral de Horizonte Europa, o Programa Marco da UE para a Investigación e a Innovación. Actualmente, o instituto apoia nove KIC: Climate KIC (anteriormente EIT Climate-KIC), 28DIXITAL (anteriormente EIT Dixital), Innoenergy (anteriormente EIT InnoEnergy), EIT Health, EIT RawMaterials, EIT Food, EIT Manufacturing, EIT Urban Mobility e EIT Culture & Creativity, á que se suma a EIT Water.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-11-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) Galicia garante un ano máis de estabilidade e pona ao servizo da cidadanía, sendo a primeira comunidade en aprobar no Parlamento o teito de gasto non financeiro para 2027, que supera os 15.000 millóns para dar resposta ás prioridades dos galegos: o reforzo dos servizos públicos e a transformación do modelo produtivo, cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial, ademais de mellorar o acceso á vivenda e garantir o mellor Xacobeo da historia. Durante a súa presentación no Parlamento, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, pediu a todos os grupos o seu apoio para un teito de gasto que esgota a capacidade máxima fixada pola regra de gasto e que consolida unha senda crecente dos orzamentos de Galicia.
Foto de la tercera plana (economia-graficos.jpg) O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC presentou o 40º informe 'A Economía Galega', un estudo que realiza de maneira ininterrompida dende 1986. Os seus directores, Dolores Riveiro e Melchor Fernández, explicaron que o documento se pode resumir nunha 'evolución favorable na maior parte dos sectores de actividade, confirmando unha notable capacidade de adaptación nun contexto internacional complexo'.

Notas

A electrónica orgánica promete revolucionar sectores como os da electrónica de consumo, a saúde ou a xeración de enerxía grazas á súa flexibilidade, lixeireza e baixo custo de fabricación. Con todo, a súa limitada resistencia mecánica continúa sendo un dos principais desafíos para ampliar as súas aplicacións. Comprender como inflúe o proceso de produción no comportamento destes materiais é o obxectivo da pescuda que desenvolveu Jesika Asatryan.
O profesor Alberto Vaquero é o novo director do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Relevando no cargo a Roberto Ignacio Fernández, o novo responsable asume con ilusión e ganas a dirección dun Campus Auga que, afirma, 'ten que ser o selo de calidade para o noso campus de Ourense'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES