Buscador
Noticias
O Servizo Galego de Saúde presentou ás organizacións sindicais a proposta para a regular a cobertura voluntaria por parte do persoal médico da asistencia sanitaria dos sábados pola mañá nos centros de atención primaria. No día de hoxe tivo lugar unha reunión do grupo de traballo acordado crear na Mesa Sectorial celebrada o pasado 11 de decembro, na que participan representantes da Administración e dos sindicatos, co fin de avanzar na elaboración dun proceso regrado e homoxéneo para a cobertura dos sábados en todas as áreas sanitarias. No encontro estiveron presentes, por parte da Consellería de Sanidade, representantes da Xerencia do Sergas, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da Dirección Xeral de Recursos Humanos.
Os museos xestionados pola Xunta de Galicia recibiron durante o 2024 un total de 576.866 visitantes, o que supón un 23% máis que no ano anterior, cando o balance do exercicio sumou 468.612 visitas en 13 equipamentos. O incremento de afluencia máis destacado do ano rexistrouno a Cidade da Cultura coa participación de 242.222 persoas nas exposicións e actividades do Museo Gaiás que en 2023 contabilizara 113.000. Neste senso, destacaron as mostras Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, á que acudiron 39.798 persoas entre marzo e agosto, e Unha vida viquinga, con 60.123 desde xullo ata este 5 de xaneiro de 2025. Tamén o Museo das Peregrinacións e de Santiago aumentou as súas cifras con 60.986 asistentes, 12.000 máis que o ano pasado, cunha programación na que a gran protagonista foi Verba Volant Picta Manent.
A Xunta estenderá a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid ata o 31 de xaneiro. O obxectivo é permitir que a poboación diana que aínda non se vacinou teña a oportunidade de facelo antes da chegada do pico de contaxios. Tomando como base o labor de vixilancia epidemiolóxica realizado pola Consellería de Sanidade, o pico da gripe está previsto na semana do 20 ao 26 de xaneiro. Nestes momentos, o nivel da onda é baixo, con tendencia crecente, e a previsión é que continúe así durante a segunda e a terceira semana deste mes. As persoas pertencentes aos grupos de risco poden solicitar autocita a través da aplicación Sergas Móbil, no apartado de campañas de promoción da saúde. Os horarios de vacinación nos 14 hospitais públicos están dispoñibles na web do Sergas.
A Consellería de Sanidade publica o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á primeira semana do ano e conclúe que a intensidade da gripe continúa en nivel baixo aínda que con tendencia crecente. Segundo os datos de atención primaria, a taxa de consultas por gripe aumentou un 29 % con respecto da semana previa e fica en 35,5 consultas por 100.000 habitantes. O incremento obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 5 a 19 anos, no que diminúe. O grupo coa maior taxa de consultas foi o de 20 a 59 anos e, por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas salvo na de Pontevedra e O Salnés.
A través do proxecto Fixar, o Executivo autonómico busca reter e atraer o talento de emprendedores e novos perfís profesionais co obxectivo de que atopen no rural unha oportunidade para convivir e traballar, así como para seguir creando sinerxías que revirtan finalmente en beneficios para toda a Comunidade e para o territorio no que se asentan, aproveitando as posibilidades que hoxe ofrecen as tecnoloxías e a mobilidade laboral. Neste marco, en 2024 desenvolveuse o piloto da iniciativa, a primeira actuación destas características promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xunto con Sende, entidade que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving rural de Europa e que conta con ampla experiencia neste ámbito.
Esta mostra, que afondaba na cultura viquinga e tamén na súa pegada en Galicia, é responsable, xunto ás exposicións 'Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' e 'Tattoo. Arte baixo a pel', de que a Cidade da Cultura despida 2024 coa cifra máis alta de participantes no seu programa cultural. Deste xeito, cunha media diaria de 400 visitantes, 'Unha vida viquinga sitúase', xunto a 'Faraón. Rei de Exipto e a Galicia', un relato no mundo, entre as exposicións da Cidade da Cultura cun maior número de afluencia.
As 70 farmacias das catro provincias que se suman a este convenio achegarán semanalmente á Consellería de Sanidade datos sobre a venda de test de antíxenos e dos cinco medicamentos antigripais máis consumidos, o que será de gran valor para mellorar o control da enfermidade, integrando información adicional que axudará a dar unha resposta máis áxil e eficaz. Destas 70 farmacias, 30 son da provincia da Coruña, 10 da de Lugo, outras 10 da de Ourense e 20 da de Pontevedra. Os rexistros das farmacias, combinados cos datos de asistencia sanitaria en atención primaria e nas urxencias hospitalarias permiten, a través dun modelo matemático, anticipar con 15 días a evolución da gripe e as infeccións respiratorias agudas.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo esta fin de semana a súa nova programación anual, que para este semestre ofrece 343 funcións de artes escénicas e musicais en 41 concellos das catro provincias. En concreto, durante os seis primeiros meses do ano serán 115 as compañías de artes escénicas e 12 os grupos de música que actuarán nesta Rede. Os espectáculos teatrais conforman unha gran parte desta actividade, con máis de 300 funcións. Pola súa banda, terán lugar 26 representacións de danza, tres de maxia e 17 de circo, o que confirma o progresivo aumento da presenza desta disciplina na carteleira. No relativo á música, están programados 16 concertos. Ademais, destaca a ampla oferta para o público familiar, con 128 actuacións deste perfil.
A Filmoteca de Galicia arranca a súa programación de 2025 con moitas novidades na carteleira de xaneiro, na que se insiren tres novos ciclos dedicados á actriz alemá Sandra Hüller, ao cineasta experimental norteamericano Hollis Frampton e ao tándem artístico que formaron o director Terence Fisher e o actor Christopher Lee. Ao tempo, continúa na cinemateca da Xunta o especial Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, coa visita da cineasta Elena López Riera, así como as novas proxeccións das seccións Fóra de Serie, Off Galicia, Filmoteca Jr. e Materiais para unha historia do cine en Galicia.
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, abre a súa programación de 2025 volvendo a ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Instituto Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Así, este venres 10 de xaneiro ás 20,00 h. o espazo ofrece en función única a montaxe Frágua de amor, o clásico da literatura portuguesa escrito polo dramaturgo Gil Vicente, coproducida pola compañía pública galega xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.