
Desta forma, fomentarase un espazo único de sistemas de historiais médicos electrónicos ou, entre outras cousas, facilitarase o intercambio de datos para a prestación de asistencia sanitaria en toda a Unión Europea.
Por outro lado, os profesionais analizaron a evolución do traballo realizado polos grupos de gobernanza de datos con fins de investigación e o establecemento dun mapa de demanda temperá en intelixencia artificial no sistema público de saúde de Galicia.
A Consellería de Sanidade considera as súas propostas fundamentais para desenvolver, entre outros temas, un modelo equitativo no acceso aos datos para proxectos de investigación, garantindo ao mesmo tempo os dereitos da cidadanía.
Galicia é a primeira comunidade autónoma en contar con especialistas que asesoren á sanidade pública de forma específica ao ter constituído o pasado ano o Consello técnico asesor en intelixencia artificial e espazo de datos do sistema público de saúde galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.