Noticias

A filmoteca de Galicia inicia en febreiro una completa retrospectiva sobre Pere Portabella

A Filmoteca de Galicia inicia a súa programación en febreiro cunha completa retrospectiva sobre o produtor, guionista e director Pere Portabella, protagonista da nova carteleira mensual na que tamén destacan as visitas de cineastas como Mar Coll, Oskar Alegria e Raúl Alaejos. Durante as vindeiras semanas, a cinemateca exhibirá todas as películas dirixidas polo cineasta catalán, do que no mes de marzo se ofrecerá tamén un amplo percorrido polos seus traballos como produtor. Recentemente distinguido coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, este ciclo preséntase como un anticipo da celebración oficial do Centenario Portabella, que veñen de anunciar o Ministerio de Cultura e a Generalitat de Cataluña para o seu desenvolvemento conxunto nos anos 2026 e 2027.

Ao longo de todo o mes, poderán verse na Sala José Sellier da Coruña No compteu amb els dits e Nocturno 29 (días 4 e 6), Suite Miró e Suite Santos (día 7), Vampir-Cuadecuc (días 13 e 15), Umbracle (día 14), Informe general (día 18), El sopar (día 19), Pont de Varsovia (día 20), Mudanza e El silencio antes de Bach (días 21 e 25) e Informe general II: El nuevo rapto de Europa (día 28).

Sesión Off Galicia con Alberte Pagán

A programación de febreiro arranca mañá sábado cunha nova entrega da sección Off Galicia, que desta volta trae unha escolma de curtametraxes seleccionada e presentada polo cineasta Alberte Pagán. Con entrada de balde, a partir das 18,00 horas proxectaranse as pezas Memoria, de Nerea Barros; Man of Aral, de Helena Gouveia, e Arde Aral, do propio Pagán.

Na Filmoteca de Galicia, continúa ademais o ciclo Terence Fisher/Christopher Lee: Drácula e outros monstros, que reúne unha serie de producións dirixidas por Fisher con Lee como protagonista. Este último aparece tamén nas películas Vampir-Cuadecuc e Umbracle, de Pere Portabella, que completan a proxección de Drácula, príncipe de las tinieblas os días 13 e 14. Previamente, o luns 4 haberá un novo pase de El perro de los Baskerville, mentres que os días 5 e 6 se exhibe Las dos caras del Dr. Jeckyll. O programa finaliza con La gorgona (días 19 e 20) e La novia del diablo (días 21 e 22).

Máis visitas na Filmoteca

No marco do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, o martes 11 de febreiro terá lugar un encontro coa directora catalá Mar Coll para presentar o filme Salve María, mención especial no festival de Locarno e co que a pasada semana logrou o galardón á mellor película dramática nos Premios Feroz celebrados en Pontevedra. A fita terá un segundo pase o mércores 12, día no que tamén se proxectará a longa Saint Omer: el pueblo contra Laurence Coly, na que Alice Diop reflexiona sobre o tema da maternidade igual que acontece en Salve María.

Ademais, a Sala José Sellier recibirá as visitas do leonés Raúl Alaejos co seu ensaio fílmico Objeto de estudio o martes 18 e do documentalista navarro Oskar Alegria, quen o día 26 presentará Zumiriki e o día 27 participará nun coloquio coa programadora galega Andrea Franco a propósito de Zinzindurrunkarratz, finalista dos Feroz na categoría Arrebato.

Payal Kapadia

A finais de mes chegarán á cinemateca galega as dúas longametraxes da cineasta india Payal Kapadia: o documental Una noche sin saber nada (días 25 e 26) e a ficción La luz que imaginamos (días 27 e 28). Esta última, aínda en carteleira, é un dos grandes éxitos do cine independente de 2024, recoñecida co Gran Premio Especial do Xurado en Cannes e como mellor película do ano en enquisas de medios como o británico Sight & Sound ou o norteamericano Film Comment.

En febreiro volven tamén outras das seccións habituais da Filmoteca, todas elas con entrada de balde. É o caso de Materiais para una historia do cine en Galicia, dentro da que o xoves 6 Enrique Banet regresa á Sala José Sellier para exhibir os seus documentais Os romeiros do alén e A malla, rodados en 1985. Ao día seguinte a Filmoteca Vasca trae a restauración de Carboneros de Navarra (1981) e Tasio (1984), de Montxo Armendáriz, dentro da seción as Filmotecas presentan. Ademais, o sábado 8 o público máis novo ten unha cita con Filmoteca Jr. e a película Fritzi. Un cuento revolucionario, de Matthias Bruhn e Ralf Kukula.

R., 2025-01-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES