
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou hoxe a nova produción do Centro Dramático Galego, Hamlet, dirixida por Tito Asorey e con dramaturxia de Vanesa Sotelo e do propio Asorey a partir da obra mestra de William Shakespeare. A través dun espectáculo de gran formato con 16 intérpretes en escena, a compañía teatral da Xunta de Galicia trae ao presente e ao galego este clásico universal. A estrea será mañá no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde permanecerá en cartel ata o 3 de maio con funcións de mércores a domingo ás 18,00 h.
Ademais do representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no acto tamén participaron o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; o director da montaxe, Tito Asorey; e mais a meirande parte do elenco artístico, en representación do que interviñeron o actor Alejandro Jato (Hamlet) e a actriz Cristina Andrade (Ofelia). Así mesmo, na presentación deuse conta da nova proposta da compañía pública, que recupera para a escena un dos grandes títulos da dramaturxia de todos os tempos, 20 anos despois da súa última versión en galego, facéndoo, ademais, desde unha lectura contemporánea que procura interpelar directamente o público de hoxe.
A temporada de sete semanas continuadas de representacións estará acompañada dunha serie de actividades complementarias e accións de accesibilidade e mediación que prevén mobilizar preto de 2000 asistentes. Estas iniciativas inclúen unha nova entrega das ImproVersións, visitas para alumnado universitario no marco do programa Faíscas Culturais, así como a reedición do plan de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, a través do que máis de 700 persoas se desprazarán ás funcións desde diferentes puntos de Galicia.
Un clásico universal cos dilemas da nosa época
Publicada en 1603, a traxedia do príncipe de Dinamarca pisa agora o escenario do Centro Dramático Galego cunha versión que sitúa no presente os seus conflitos e as tensións da coñecida trama: Hamlet enfróntase á morte do pai, ao precipitado matrimonio da súa nai co seu tío e á aparición dun fantasma que lle esixe vinganza, nunha historia marcada pola traizón, o remorso e a procura de certezas nun mundo moralmente corrompido.
Nesta nova montaxe constrúese ao longo de 130 minutos unha peza viva, accesible e tamén divertida, sen renunciar á profundidade do texto orixinal. A intención é ofrecer un espectáculo no que o público galego poida verse reflectido dalgún xeito, recoñecendo cuestións, contradicións e dilemas que tamén forman parte da nosa época.
A produción conta cun elenco de 16 actores e actrices, escollido mediante un proceso público de audicións, que conforman Sergio Abelaira, Cristina Andrade, Belén Constenla, Raquel Espada, Isabel Garrido, César Goldi, Alejandro Jato, Marita Martínez, Iolanda Muíños, Anxo Outumuro, Pedro Placer, Adrián Ríos, Machi Salgado, Toni Salgado, Inés Salvado Gontad e Sergio Zearreta.
O equipo complétase coas realizacións de Carlos Alonso na escenografía, Laura Iturralde na iluminación, Saturna no vestiario, Xavier Bértolo no espazo sonoro, Lorena Calvo en maquillaxe e caracterización, Rut Balbís no movemento escénico e coreografía, Xosé Piñeiro na loita escénica, Melania Cruz na asistencia de texto, Rosa Moledo no asesoramento lingüístico e Sara Rey na axudantía de dirección.
Máis Shakespeare en actividades complementarias
Complementando os pases de Hamlet, o Centro Dramático Galego impulsa unha serie de actividades paralelas que amplían o diálogo arredor do espectáculo. Así, o programa ImproVersións ofrecerá cinco citas baixo o título A propósito de William, a cargo da compañía Improversados, os domingos 29 de marzo, 5, 12, 19 e 26 de abril. Ademais, os días 25 de marzo e 1 e 8 de abril, o Salón Teatro acollerá sesións dobres sobre a obra de Shakespeare, xa que os pases de Hamlet combinaranse cos de Mala vida e pior morte de Ricardo III, monólogo de Evaristo Calvo coproducido con P.T. Excéntricas. Ambas as propostas parten do universo do bardo inglés para ofrecer, desde linguaxes escénicas diferentes, novas aproximacións á súa literatura dramática e favorecer o achegamento da cidadanía ao feito teatral.
No marco do labor de mediación co ámbito educativo, Hamlet forma parte tamén do programa Faíscas Culturais da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolvido en colaboración co Centro Dramático Galego desde a estrea en 2023 de Shakespeare en Roma. Baixo o título To be or not to be: Hamlet, esta iniciativa artístico-pedagóxica propón unha aproximación reflexiva ao clásico shakespeariano desde o pensamento crítico e o diálogo creativo. Entre febreiro e abril, agárdase a participación de máis de 400 estudantes de diferentes facultades en accións vinculadas a esta montaxe.
Así, mesmo, con motivo do Día Mundial do Teatro, o 27 de marzo, levarase a cabo unha acción especial co alumnado de varios centros de ensino secundario.
Entre as accións previstas figura tamén unha nova edición do programa de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que contará con 14 autocares coordinados para facilitar a asistencia de público procedente de 35 municipios, ademais da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e do CIFP Audiovisual de Vigo, cunha previsión de 770 asistentes. A esta iniciativa únese unha segunda modalidade de transporte ao Salón Teatro mediante autobuses propios dos concellos participantes, fórmula que este ano incorpora novas localidades e permitirá sumar aproximadamente outras 270 persoas. No conxunto do programa, 75 concellos chegaron a inscribirse nesta convocatoria, o que confirma a consolidación desta liña de traballo e o interese crecente por facilitar o acceso ao teatro público galego desde diferentes puntos do territorio.
O labor de mediación completarase con medidas dirixidas a entidades de atención a persoas con diversidade funcional, para as que se calcula a participación de arredor de 138 asistentes, cun programa de bonos desconto para centros educativos e alumnado que prevé chegar a unhas 325 persoas, ademais doutras reservas canalizadas mediante colaboracións con entidades culturais como o Museo do Pobo Galego ou o Ateneo de Santiago.
Accesibilidade e entradas
Seguindo co compromiso do Centro Dramático Galego respecto ao obxectivo de eliminar todo tipo de barreiras para gozar do teatro, todas as funcións de Hamlet contarán con interpretación en linguaxe de signos (LSE), audiodescrición, programa de lectura fácil e acceso para persoas con mobilidade reducida. Ademais, os mércores volven as funcións descontraídas, orientadas a favorecer a asistencia de persoas con diversidade cognitiva e sensorial ou con outras necesidades específicas de apoio mediante a adaptación das condicións habituais da representación e da experiencia en sala, promovendo así un contexto máis amable, flexible e accesible.
As entradas para Hamlet poden adquirirse a través da plataforma en liña Ataquilla e no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto nos días de función desde as 16,00 h. O prezo das localidades é de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais do 40% os domingos (Día do Público) e os dirixidos a diferentes colectivos.
Nestes momentos, xa está vendido o 90% da cabida para as dúas primeiras semanas de representacións e máis de 50% para todo o período de exhibición.
Publicada en 1603, a traxedia do príncipe de Dinamarca pisa agora o escenario do Centro Dramático Galego cunha versión que sitúa no presente os seus conflitos e as tensións da coñecida trama: Hamlet enfróntase á morte do pai, ao precipitado matrimonio da súa nai co seu tío e á aparición dun fantasma que lle esixe vinganza, nunha historia marcada pola traizón, o remorso e a procura de certezas nun mundo moralmente corrompido. Nesta nova montaxe constrúese ao longo de 130 minutos unha peza viva, accesible e tamén divertida, sen renunciar á profundidade do texto orixinal. A intención é ofrecer un espectáculo no que o público galego poida verse reflectido dalgún xeito, recoñecendo cuestións, contradicións e dilemas que tamén forman parte da nosa época.
A Real Academia Galega de Ciencias elixiu á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como 'Científica Galega do Ano'. Foi unha investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos, labor que exerceu desde o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, pertencente ao CSIC. O investigador do Instituto José Luís Garrido, quen, ademais de traballar durante tres décadas con Aida Fernández Ríos mantivo con ela unha relación moi estreita, destaca o que el chama 'o efecto Aida': 'Tiña un carisma extraordinario e un encanto persoal tremendo'.