
Diego Peña, director científico do CiQUS, profundará no mundo das moléculas a través do relatorio Teño visto moléculas que vós non creriades... Rebeca García, pola súa parte, pronunciará a charla Vivimos nunha simulación? A versión molecular de Matrix. Finalmente, Pablo del Pino centrarase na nanomedicina no relatorio As tres leis do nanorrobot: de Asimov á nanomedicina real.
As Nerd Nites comenzaron a ter lugar en Boston en 2003 e, na actualidade, desenvólvense en máis de 100 cidades de todo o mundo. A idea é reunir tres ou catro nerds nun local de lecer nocturno para falar durante 15 minutos cada un sobre temas científicos baixo un enfoque divertido, para logo abrir un coloquio aberto e distendido. Compostela foi a primeira cidade española en adherirse ao programa. No caso de Santiago, o boss-coordinador é o catedrático da USC e divulgador científico, Jorge Mira Pérez.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.