Buscador
Noticias
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, estará presente na quinta edición da feira BioCultura, que se celebrará durante esta fin de semana no recinto de EXPOCoruña. A Xunta colabora co evento coa organización de actividades vencelladas coa produción ecolóxica, ademais de apoiar a presencia de quince operadores galegos coordinados polo o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), amosarán a calidade da produción ecolóxica con produtos lácteos, cárnicos, repostería ou conservas. Entre as actividades que promoverá a Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará este fin de semana a presentacións de cociña con alimentos ecolóxicos, realizadas por cociñeiros de comedores escolares participantes na campaña Come Local.
A Filmoteca de Galicia conmemora durante o mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo anual Olladas de muller, organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con O corno e Laura Ferrés en Valladolid con La imagen permanente. Así, o día 5 de marzo, a sala José Sellier acolle o coloquio de Camborda e Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine. Ao finalizar a conversa, proxectaranse as curtametraxes Rapa das Bestas e Los desheredados. Xa o día 6 exhibiranse as súas premiadas películas La imagen permanente e O corno, que repite sesión o día 8.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, advertiu hoxe dun 'balance preocupante' no estado de execución das infraestruturas e servizos ferroviarios comprometidos en Galicia polo Goberno central e que, segundo admitiu, está a ser unha das 'inquedanzas fundamentais' do Executivo autonómico. Rueda informou de que esta é a principal conclusión dun informe da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, avaliado hoxe no consello da Xunta, sobre a situación dos servizos e das infraestruturas ferroviarias na comunidade, abordando as principais necesidades das liñas e dos servizos de tren en Galicia.
O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal consolidouse en 2023 como espazo de referencia para o ecosistema galego da seguridade de información, coa incorporación de 10 grandes empresas e a realización ou participación en todo tipo de iniciativas de concienciación, promoción do talento e do coñecemento e prestación de servizos. Na actualidade, son xa máis de 50 as administracións, universidades, empresas e institucións que forman parte deste modelo de colaboración creado en 2020. Os responsables de CIBER.gal presentaron recentemente, ante a Asemblea do Nodo, a Memoria correspondente a súa actividade no 2023.
Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) é un dos máis destacados poetas da literatura galega do último medio século, ademais de narrador, dramaturgo e ensaísta e un dos máis recoñecidos galicianistas e hispanistas do noso tempo. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e codirixe a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor. Exerceu tamén a docencia en universidades de Nova York, París e Bretaña (pola que foi nomeado Doutor Honoris Causa) e coordina os cadernos Unión Libre. Arredor de Cunqueiro e a súa obra, é autor de ensaios onde analiza en profundidade a figura do escritor d As crónicas do Sochantre, como Álvaro Cunqueiro en Ortigueira (2011) ou Borges e Cunqueiro (2021). Ao escritor mindoniense tenlle dedicado tamén amplos estudos nos seus libros Poesía galega (1989) e Acometida atlántica (1996).
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou e moderou hoxe a primeira reunión de 2024 do ciclo de Encontros Virtuais Xunta-UE, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas organizado mensualmente pola Fundación Galicia Europa (FGE). A sesión de hoxe centrouse na Global Gateway, a estratexia que aglutina os esforzos da Unión Europea por aumentar a súa presencia global mentres promociona valores democráticos compartidos e contribúe ao desenvolvemento dos seus países socios. Neste marco estratéxico presentado en 2021, o Equipo Europa -composto pola UE, os Estados membros, as axencias nacionais de desenvolvemento e o Banco Europeo de Inversións- pretende mobilizar preto de 300.000 millóns de euros ata 2030 para crear vínculos globais que impulsen o investimento en infraestruturas climáticas, enerxéticas ou dixitais.
A Xunta pide a Bruxelas unha maior concreción e ambición nas medidas de apoio a agricultores e gandeiros, en referencia á reunión celebrada onte polos ministros europeos de Agricultura, e da que, tras lamentar non ter unha comunicación oficial por parte do Goberno central, polo que puidemos coñecer polos medios saíron boas intencións, pero sen acordos lexislativos nin un cronograma de actuacións. Así o manifestou esta mañá o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, nunha visita a unha explotación de vacún de carne en extensivo de razas autóctonas Cachena e Limiá situada no concello ourensán de Laza, na que estivo acompañado polo alcalde deste municipio, José Ramón Barreal, e a xerente e socia da granxa, Teresa Gayoso.
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, participou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no acto de lanzamento do proxecto Innov4life, o novo programa no que Galicia e Portugal colaborarán na procura de novas solucións dixitais para abordar as demencias e a dexeneración cognitiva. Así, mediante unha dotación económica de 1,5 millóns de euros (a través do Programa Interreg POCTEP) e unha duración de tres anos, o proxecto establecerá un LivingLab que contará con instalacións na cidade de Vigo e na Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave (Portugal).
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), amosa o seu agradecemento a toda a comunidade universitaria, pola súa participación na primeira fase da campaña de doazón nos sete campus galegos, e que supuxo acadar unha cifra de 2.234 doazóns, das cales 800 (un 35,8 %) correspondían a persoas que doaban por vez primeira. ADOS comeza o 27 de febreiro a segunda fase da campaña universitaria de doazón de sangue, que se prolongará ata o vindeiro mes de abril, marcándose como obxectivo o fomento da doazón na comunidade universitaria, así como renovar a base de doantes e superar as 4.453 doazóns recollidas no pasado curso.
A economía galega medrou no ano 2023 un 1,8%, segundo se desprende do informe de contabilidade trimestral referente ao cuarto trimestre do ano pasado, publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Deste xeito, cúmprese a revisión á alza das previsións macroeconómicas feita polo Goberno galego o pasado mes de outubro, proba do realismo e a prudencia nas estimacións dos orzamentos autonómicos. Ademais, Galicia encadea xa tres anos de crecemento logo da pandemia. O informe mostra tamén que no 4º trimestre do ano, o PIB aumentou un 1,8% con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior e que en canto á evolución intertrimestral, a taxa do PIB autonómico situouse no 0,8%.