Noticias

A filmoteca de Galicia celebra o Día da Muller durante todo o mes de marzo con 26 traballos de dirección feminina

A Filmoteca de Galicia conmemora durante o mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo anual Olladas de muller, organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con O corno e Laura Ferrés en Valladolid con La imagen permanente. Así, o día 5 de marzo, a sala José Sellier acolle o coloquio de Camborda e Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine. Ao finalizar a conversa, proxectaranse as curtametraxes Rapa das Bestas e Los desheredados. Xa o día 6 exhibiranse as súas premiadas películas La imagen permanente e O corno, que repite sesión o día 8.

Outras tres longametraxes completan o ciclo: as recentes películas Secaderos, de Rocío Mesa, e Entre las higueras, de Erige Sehiri, xunto a recuperación dun clásico do feminismo dos anos 70 como é Not a Pretty Picture, de Martha Coolidge. O sábado 9, a filmoteca ofrece unha sesión de seis curtametraxes dirixidas por mulleres galegas e portuguesas.

Experiencia sensorial

Antes de Olladas de Muller, a carteleira mensual arranca mañá venres ás 18,00 h. cunha sesión especial de Lois Patiño no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, baixo o título Luces recorren mi garganta. Trátase dunha experiencia sensorial, para a que se utilizará como pantalla de proxección a cúpula circular do edificio e na que o cineasta vigués propón un xeito diferente de ver a súa obra a partir de fragmentos de El sembrador de estrellas e Sycorax.

A actividade volverá á sede da cinemateca da Xunta ás 20,30 h. cun pase do filme Sanz y el secreto de su arte, de Maximiliano Thous e Francisco Sanz, en colaboración con Filmoteca de Valencia e no marco da difusión dos arquivos que atesouran as filmotecas do resto de España.

Xa o sábado 2, ás 18,00 h e con entrada tamén de balde, terá lugar un apartado Off Galicia dedicado a Nela Fraga, na que a cineasta galega presentará o seu filme en Súper 8 Exposed.

A mirada feminista de Su Friedrich

Olladas de muller non será a única presenza feminina durante o mes que comeza. Entre finais de marzo e comezos de abril, baixo o título Lazos que unen, a Filmoteca de Galicia dedícalle unha sección á cineasta estadounidense Su Friedrich, organizada coa colaboración do Festival Punto de Vista de Pamplona. Haberá tres sesións os días 21, 22 e 26 de marzo coa proxección de seis películas. Os filmes Gently Down the Stream e Hide and Seek da directora serán os primeiros incluídos nesta retrospectiva.

Su Friedrich naceu en New Haven (Connecticut) en 1954. Licenciada en Arte e Historia da Arte, en 1976 mudouse a Nueva York para desenvolver o seu traballo como fotógrafa. Xusto ao ano seguinte descubriría a súa verdadeira vocación nun curso de cine en Súper 8 no Millennium Film Workshop. Do Súper 8 das primeiras curtas pasou aos 16 mm e, desde 2004, filma en dixital. Escritas, filmadas, montadas e sonorizadas por ela (salvo algunha excepción puntual), nas súas películas presta especial atención á unión de textos, sons e imaxes de variada procedencia. Os seus traballos teñen a virtude de resultar accesibles tanto a público cinéfilo como xeral, incluso a persoas non afeitas ao cine experimental, feminista ou queer.

Máis de Kaurismäki e Pedro Costa

A Filmoteca de Galicia continuará tamén o ciclo protagonizado por Aki Kaurismäki que o propio director finlandés inaugurou presencialmente o pasado 7 de febreiro. Desta volta, proxectaranse Contraté un asesino a sueldo (días 14 e 15), La vida de Bohemia (días 19 e 20), Agárrate el pañuelo, Tatiana (días 21 e 27) e un programa con varias das súas curtas (días 22 e 26).

Finalmente, en marzo remata o programa Cancións de Pedro Costa, dedicado ao cineasta portugués. O día 12 proxectarase Fueros Humanos, de Frank Borzage, e o día 13 a película Juventude em Marcha. Ademais, o sábado 16 haberá unha sesión de tres curtas, onde o último traballo de Costa, As Filhas de Fogo, compartirá pantalla con La Morte Rouge, de Víctor Erice, e Puissance de la parole, de Jean-Luc Godard.

Creacións galegas, animación e novas dixitalizacións

Ademais, a sección Fóra de serie ofrecerá o día 14 o filme Don Juan, de Serge Bozon; o día 19 os títulos Alicia fai cousas, de Ángel Santos, Din que non falas, de Santos Díaz, e Por la pista vacía, de Pablo García Canga; e o día 20, o último filme de Pablo García Canga, Las tierras del cielo, presentado polo propio autor.

Dentro de Filmoteca Jr, o público familiar ten unha cita o día 23 co programa Dunia y otros cuentos del mundo, coa proxección dos filmes de animación Dunia, Cinema Rex, America e Bango Vassil.

A nova entrega da sección Materiais para unha historia do cinema en Galicia trae o 15 de marzo a dixitalización de Un viaje por Galicia, un documental gravado entre 1953 e 1958 nas viaxes á terra que fixo Manuel Arís, galego emigrado en Montevideo. Dentro deste novo apartado, a Filmoteca ten como obxectivo compartir co público parte do seu arquivo, facendo fincapé nas restauracións e dixitalizacións realizadas ao abeiro do Hub Audiovisual de Galicia, financiado no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19.

As sesións do ciclo Olladas de muller, Materiais, As filmotecas presentan e Filmoteca Jr. son de entrada gratuíta. Para o resto, estarán á venda no despacho de billetes do número 10 da rúa Durán Loriga desde 20 minutos antes do inicio da correspondente proxección, cun máximo de dúas entradas por persoa.

R., 2024-02-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (hotel-corredor.jpg) O sector hoteleiro galego continúa a mostrar unha evolución positiva en 2026. Os datos correspondentes ao mes de outubro feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman un incremento do 7,7% en viaxeiros e do 6,1% en noites. Os ingresos do sector hoteleiro cifráronse o pasado mes en 47,6M de euros, o que se traduce nun crecemento do 16,3%. En concreto, durante outubro aloxáronse nos hoteis galegos 537.950 viaxeiros, mentres que o número de noites alcanzou as 927.766 noites. A estadía media situouse en 1,72 noites, un 1,5% menos que en outubro de 2025.
Foto de la tercera plana (internacionalizacion-01.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello 'aprobou hoxe a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con horizonte 2028, e dotada de máis de 160 millóns de euros'. Este orzamento supera nun 54 % o da Estratexia 2021-2025. O obxectivo, tal e como resaltou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, 'é que cada vez máis empresas galegas vendan fóra, que o fagan de forma estable e cheguen a novos mercados'. A nova folla de ruta poñerá especial interese, segundo explicou o presidente, 'en dous destinos que ofrecen grandes oportunidades como é China e os países de Mercosur'.

Notas

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura de investigación do Centro de Investigación Mariña da UVigo, acolle as V Xornadas Internacionais de Xenética en Acuicultura, un encontro que reúne especialistas de España e Iberoamérica para analizar os principais desafíos da acuicultura desde unha perspectiva que integra a innovación, a biodiversidade e o benestar animal.
'Unha invitación a contemplar o mundo desde unha perspectiva diferente, a descubrir que detrás da emoción estética tamén existen estruturas, proporcións, simetrías e leis que nos axudan a comprender mellor a realidade'. Con estas verbas definiu a vicerreitora de Cultura da USC, Ana Cabana, a mostra 'Patróns de beleza. Simetría na Arte', comisariada por Manuel Díaz Regueiro e Inés Ben González.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES