Noticias

López Campos anuncia a posta en marcha dun plan para impulsar o uso do galego de cara ao ano 2025

A Xunta de Galicia porá en marcha de cara a 2025 un plan para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. Así o anunciou hoxe no Parlamento de Galicia o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na súa resposta a unha interpelación relacionada co seu departamento na que salientou que 'a política lingüística impulsada pola Administración autonómica ao longo dos últimos anos permite que Galicia teña hoxe un modelo cordial e integrador no que non existen conflitos'.

Fíxoo en vésperas do Día europeo das Linguas, unha efeméride que se celebra mañá cun amplo abano de actividades que poñen de manifesto a importancia da diversidade lingüística no seo da Unión Europea e que reflicten “a meta que compartimos: a de seguir percorrendo xuntos un camiño de paz, progreso e liberdade”, apuntou López Campos antes de referirse á lingua como “unha ponte que nos une con outras culturas e que é unha fonte inesgotable de riqueza”.

“A nosa lingua é un tesouro vivo que debemos celebrar, protexer e espallar por todo o mundo desde a concordia e con liberdade”, afirmou ao tempo que aproveitou para lembrar que o obxectivo é facelo a través dun proxecto integrador “no que teñen cabida todos e todas as galegas”. Así, tal e como explicou, entre as finalidades das novas medidas está o impulso do neofalantismo coa creación dun espazo de lecer que funcione como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego ou a continuidade do proxecto neofalantes.gal, en marcha xa coa Universidade de Santiago de Compostela para “mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.

Neste senso, as propostas centraranse tamén no aproveitamento das novas tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a mocidade co fin de dinamizar a lingua galega nesta parte da poboación. Así, ademais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, López Campos anunciou que se avanzará na creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil, así como na colaboración con creadores de contido que axuden a favorecer a creación de vínculos entre a lingua galega e as xeracións máis novas.

Esta folla de ruta na que está a traballar a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén terá en conta a nova realidade socioeconómica da Comunidade autónoma ao incluír unha batería de propostas dirixidas a fomentar a aprendizaxe da lingua galega entre aquel sector da poboación nacido fóra de Galicia. Isto suporá a posta en marcha dun programa con medidas que incluirá desde a creación de materiais didácticos ou a posta en marcha de cursos formativos ata a colaboración con diferentes organismos ou outros departamentos do Goberno galego como é a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

As novas propostas nas que traballa a Xunta de Galicia súmanse ás que están xa en marcha por parte da Secretaría Xeral da Lingua como as colaboracións para galeguizar os comercios, os programas da Rede de Dinamización Lingüística, as actividades no ensino, a celebración das probas Celga ou o aproveitamento dos vencellos coa lusofonía a través de accións como o FalaRedes, Nadal en Rede, o programa 21 Días co galego e+ ou a posta en marcha de concursos e premios no eido da lingua galega.

R., 2024-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES