Noticias

A formación profesional acada un novo récord histórico con 68.823 matrículados este curso en Galicia e un crecemento do 7% nun ano

As ensinanzas de formación profesional en Galicia volven rexistrar este curso "un novo récord" con 68.823 alumnos, o que supón "un incremento dun 7%" (4.235 estudantes máis) con respecto ao ano pasado, e "o dobre" que no curso 2008/09 (34.766 matriculados). Tal e como se reflicte nun informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP elevado ao Consello da Xunta, este crecemento de matrículas é xeneralizado en todas as modalidades de FP, así como no conxunto do territorio, e deriva principalmente do deseño dunha oferta ampla, variada e actualizada que chega a todas as áreas xeográficas e que se viu reforzada este ano no eido da tecnificación e a alta cualificación.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que as ensinanzas de formación profesional en Galicia volven rexistrar este curso "un novo récord" con 68.823 alumnos, o que supón "un incremento dun 7%" (4.235 estudantes máis) con respecto ao ano pasado, e "o dobre" que no curso 2008/09 (34.766 matriculados).

Rueda salientou que isto amosa a "revolución silenciosa" que a FP está a vivir en Galicia nos últimos anos e é froito do traballo feito polo Executivo autonómico para mellorar, modernizar e adaptar estes estudos ás necesidades do tecido produtivo galego. "O crecemento é xeneralizado en todas as modalidades de FP e en todo o territorio da comunidade", sinalou o presidente, quen apuntou que "estes datos acreditan que imos polo bo camiño".

Tal e como se reflicte nun informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP elevado ao Consello da Xunta, este crecemento de matrículas é xeneralizado en todas as modalidades de FP, así como no conxunto do territorio, e deriva principalmente do deseño dunha oferta ampla, variada e actualizada que chega a todas as áreas xeográficas e que se viu reforzada este ano no eido da tecnificación e a alta cualificación, garantindo así unha formación á carta que se adapta aos intereses e ás necesidades de cada persoa, tal como marca a Estratexia da FP Galicia 2030.

Aposta pola alta cualificación

Neste sentido, Rueda destacou especialmente o crecemento da matrícula nos títulos de alta especialización, "unha formación exclusiva da nosa comunidade autónoma", cun 59% de suba entre as 24 titulacións deste tipo ofertadas para este curso. Trátase de titulacións exclusivas de Galicia que foron deseñadas atendendo a unha demanda específica por parte do sistema produtivo, co deseño de propostas ad hoc e que este ano foron especialmente reforzadas por parte da Consellería.

O mesmo acontece cos másteres de FP, cuxa matrícula se volve incrementar este ano tamén cunha suba da demanda do 59% así como a modalidade de FP dual intensiva, que acada un incremento de matriculados do 36%.

Neste curso hai 5.643 persoas matriculadas nun ciclo formativo básico (un aumento do 5,4%), 25.397 nun ciclo de grao medio (4,1% máis) e 37.783 persoas matriculadas nun ciclo de grao superior (un 8,5% máis).

Nestes momentos, tendo en conta a evolución demográfica, estímase que se está acadando o teito de matrícula de FP polas vías convencionais cunha estabilización de cara aos vindeiros anos. Dado este contexto, a Xunta de Galicia está traballando en abrir un novo paradigma da FP a través do Plan FPGal360, explorando fórmulas innovadoras de aproveitamento do potencial destas ensinanzas que permitan seguir atraendo persoas á FP galega.

Demanda alcista no rural

Así pois, con estes datos, a formación profesional galega afianza o seu éxito cun crecemento xeneralizado de matrículas en distintos niveis e modalidades, así como no conxunto do territorio.

Cómpre destacar que o reforzo da oferta de FP no rural -co maior número de prazas dispoñibles ata o de agora- tamén se reflicte nun aumento da demanda neste eido, cun aumento de matrícula de case o 8% e con máis alumnos ca nunca. Esta suba vai parella co deseño dunha oferta obxectiva, realista, actualizada e axustada ás necesidades do eido rural, onde este ano os estudantes puideron escoller entre un total de 7.631 prazas, un 11,5% máis (789 prazas máis) que o pasado ano.

Galicia avanza así na consolidación dun modelo educativo propio onde a igualdade de oportunidades, independentemente de onde se viva, é un dos seus sinais de identidade.

O impulso da Rede de centros integrados de FP

Neste éxito de matrícula cómpre destacar o papel que desempeña a Rede de centros integrados de FP (CIFP), que non parou de medrar nos últimos anos, ao pasar dos 9 que había en 2009 aos 28 actuais tras a recente incorporación dos Audiovisual de Vigo, Montecelo de Pontevedra e Vilamarín de Ourense, en 2023, e da Escola de Cantaría de Galicia (Poio), en 2024.

Non en balde, estes 28 centros que conforman a Rede incrementaron este ano o número de matriculados en case un 9% e concentran o 49% do total de alumnado de FP matriculado en Galicia.

Unha oferta axeitada ás demandas

O crecemento xeneralizado da matrícula reflicte unha resposta positiva á oferta ampla e variada de ciclos de FP deseñada pola Consellería de Educación para este curso, con 46.714 prazas de novo ingreso que foron deseñadas logo dun proceso de diálogo coa comunidade educativa e cos sectores socioeconómicos galegos.

Neste sentido, os matriculados puideron escoller entre 214 titulacións diferentes -17 delas de nova implantación- repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.

Esta planificación da oferta é o resultado final da aplicación das conclusións do Plan Conecta FP Galicia, onde, en coordinación e colaboración cos eidos socioeconómicos e territoriais, se deseñou unha proposta de formación á medida das necesidades e demandas dos sectores produtivos, e que se seguirá enriquecendo nos vindeiros anos.

Os datos analizados hoxe no Consello da Xunta fan fincapé nas principais cifras de matrícula de FP neste curso, das cales o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional informará mañá martes de xeito máis detallado.

R., 2024-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES