
A investigación, liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), deu no artigo Zooarchaeological study of the Magdalenian sequence of the Valdavara 1 site (Becerreá, Lugo, NW Iberia), publicado na revista internacional Journal of Archaeological Science: Reports.
O traballo inclúe a análise de máis de 2.000 restos fáunicos recuperados ao longo da secuencia paleolítica do xacemento, os niveis 4-6, cunha antigüidade aproximada de entre 18.720 e 16.680 anos. Nesa época, na que a Península viña de recuperarse dun período de frío extremo coñecido como o Último Máximo Glacial, varios grupos sucesivos de cazadores-recolectores, procedentes seguramente do Cantábrico e con tecnoloxía magdaleniense, elixiron a pequena cavidade becerrense como refuxio no que guarnecerse e levar a cabo actividades do día a día, como a preparación de ferramentas líticas, a realización de fogares ou o consumo de animais, explica Bal.
Este estudo permitiu coñecer como era a dieta cárnica destes grupos humanos, e observamos que cazaban aquelas presas que tiñan dispoñibles na contorna inmediata da cova, sen realizar grandes desprazamentos en busca de alimento e co rebezo como o seu principal sustento. A caza deste animal é constante ao longo do Paleolítico, pero son poucos os xacementos nos que se producen grandes acumulacións, sendo moito máis frecuente a caza de cervos, cabalos ou de cabras montesas. No caso de Valdavara, o rebezo supón máis do 40% dos restos animais identificados, polo que supera amplamente o resto de especies, entre as que se inclúen cervos, uros, cabalos, xabarís, lobos, raposos, osos pardos, mustélidos, coellos e lebres.
Pero non foron os humanos os únicos responsables da formación do xacemento de Valdavara 1, senón que este estudo permitiu recoñecer a intervención de polo menos outros tres axentes: lobos, raposos e osos. Estes animais empregaron tamén a cova coma cubil nas épocas do ano nas que marchaban os grupos de cazadores-recolectores, achegando presas e incluso preendo sobre o lixo deixado polos humanos, como se demostra da superposición de marcas de corte antrópicas con mordeduras correspondentes a pequenos carnívoros, matiza o investigador da USC.
A investigación conta coa colaboración de Carlos Fernández Rodríguez (ULE), Manuel Vaquero (URV/IPHES), Elvira Susana Alonso Fernández (URV/IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC/CISPAC) e enmárcase nun proxecto de investigación máis amplo que aborda a ocupación das Serras Orientais de Galicia ao longo do tempo, contando con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Gobierno de España. As escavacións na cova de Valdavara leváronse a cabo entre os anos 2007 e 2013 e contaron co apoio do Concello de Becerreá.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.