Noticias

O Gaiás convida a gozar do Nadal cunha instalación luminosa de estruturas inchables, teatro, contacontos ou realidade virtual

A Cidade da Cultura convida ás familias a descubrir a programación do Nadal no Gaiás, que hoxe arrinca coa apertura da instalación Soños de Argonautas. Esta proposta da arquitecta Nuria Prieto converte o Hall de Tirantes do Museo nunha paisaxe, feita con materiais de reciclaxe, de esferas luminosas e corredores inchables, presidida pola súa xa tradicional árbore de madeira. Ao longo de máis dun mes, o Gaiás acollerá un feixe de actividades que inclúen espectáculos teatrais e musicais, obradoiros familiares, visitas guiadas, realidade virtual ou un escape room.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou esta tarde a instalación no seu primeiro día de apertura, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a autora da proposta, Nuria Prieto, así como numeroso público asistente. López Campos animou a toda a rapazada a participar nas diversas actividades organizadas pola Cidade da Cultura nestas datas, “que convidan ao goce do tempo compartido en familia con propostas creativas e culturais de primeiro nivel”.

A instalación Soños de Argonautas, proxectada pola arquitecta Nuria Prieto, crea no Hall de Tirantes do Museo unha atmosfera onírica a través de grandes estruturas inchables, que compoñen unha paisaxe branca e dourada, con grandes esferas e corredores translúcidos. A instalación constrúese con membranas de plástico reciclable e iluminación led, sendo unha parte da mesma transitable no seu interior.

Ao longo das semanas do Nadal, e empregando o material sobrante da construción das estruturas, elaboraranse colectivamente adornos para a árbore de madeira que preside a instalación. En varios obradoiros con monitores especializados, nenos e nenas escribirán os seus desexos para este Nadal en anacos de plástico que, emulando flocos de neve, enfiarán para formar longas grilandas brancas.

Soños de Argonautas é unha creación de Nuria Prieto (Ponferrada, 1985), arquitecta afincada na Coruña que participou en proxectos recoñecidos internacionalmente, como o pavillón español Unfinished na Bienal de Venecia —gañador do León de Ouro— e o proxecto de investigación Gaza: A house for 1.5m in-habitants, xunto ao arquitecto Michael Sorkin. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre a docencia, a edición e a creación de arquitecturas efémeras e experimentais, explorando o potencial pedagóxico e urbano das estruturas inchables.

Teatro dentro dun globo aerostático

A instalación acollerá diferentes actividades ao longo do mes que inclúen, ademais dos obradoiros de decoración da árbore, sesións de contacontos, visitas guiadas pola autora da instalación ou un taller para público familiar no que nenos e nenas poderán aprender a construír eles mesmos estruturas inchables empregando materiais sinxelos como bolsas do lixo e cinta adhesiva.

A oferta da Cidade da Cultura para estas datas complétase con dúas funcións teatrais da obra Tripula, de Farrés Brothers i Cia, unha peza cargada de humor que combina teatro, música, sombras e monicreques e que se desenvolve nun lugar tan efémero e pouco habitual como a tea recuperada dun antigo globo aerostático.

Música e realidade virtual para gozar das festas

Xa en xaneiro, a Cidade da Cultura programa un concerto de Fua, cuarteto de corda formado por Daniel Canosa Castro, Pablo Quiroga González, Jorge Galán Adega e Javier Ucha Fariña. O grupo aposta por reinterpretar música moderna desde unha formación clásica, achegando así estes instrumentos a un público máis amplo e diverso.

Por último, tamén volve ao Gaiás a experiencia de realidade virtual do Galiverso de Nadal, da que gozarán especialmente os máis pequenos e pequenas da casa, e, un ano máis, o complexo arquitectónico quedará ambientado no seu exterior desde hoxe e ata o 6 de xaneiro cun deseño de luces visible desde diversos puntos da cidade de Santiago.

As entradas para as diferentes actividades estarán dispoñibles a partir de mañá mércores 3 de decembro, a través da web da Cidade da Cultura, onde poden consultarse datas, horarios e dispoñibilidade de prazas.

R., 2025-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES