Noticias

Rueda anuncia a creación dunha rede de fomento do emprendemento baseada na colaboración público-privada

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou hoxe que o Goberno galego está impulsando a posta en marcha dunha rede de fomento do emprendemento que se baseará na colaboración público-privada. A través da mesma, búscase crear unha estrutura estable de coordinación, presente en todo o territorio, co obxectivo de que calquera persoa, en calquera parte de Galicia, poida acceder á formación, acompañamento ou ao financiamento necesario para o seu proxecto: 'Non se trata de inventar cousas novas, non se trata de inventar ningunha fórmula máxica, senón que se trata de reforzar o que xa vimos facendo. Calquera emprendemento ligado ao territorio vai ser máis sostible, vai xerar máis valor económico e vainos a traer máis vantaxes', destacou o presidente.



Así o explicou hoxe durante a súa participación no I Congreso Ultreia Galicia, no que tamén participou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e que reuniu no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil a máis de 200 integrantes do ecosistema emprendedor. De feito, durante o acto asinou o manifesto de vontades destinado á crear esta rede de emprendemento.

Tamén o asinaron a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Universidade de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Fundación Juana de Vega, a Empresa nacional de innovación (Enisa) e o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal). Con todo, este manifesto está aberto á participación de calquera outro axente do ecosistema emprendedor que se queira adherir a el.

Esta iniciativa forma parte da futura Estratexia de emprendemento ligada ao territorio na que xa está traballando o Goberno galego, e da que hoxe se presentaron as liñas mestras: “Somos unha comunidade autónoma que apoia aos emprendedores, témolo moi a gala. Desde as iniciativas con liñas de axudas máis pequenas, ata a Oficina económica, a nosa mentalidade vai sempre dirixida a iso: a botar unha man, a ser uns aliados dos que se xogan o seu futuro decidindo emprender aquí”, apuntou o presidente na súa intervención.

Contará con sete obxectivos principais, que pasarán por impulsar e especializar máis a rede de polos de emprendemento —que entre outras novidades, sumará ás oficinas fixas outras itinerantes que levarán apoio ás zonas máis pequenas e rurais—; facilitar a remuda xeracional —con futuras medidas como unha bolsa de negocios en traspaso e un escaparate dixital— e atraer talento da Galicia Exterior; fomentar a coordinación entre os diferentes recursos e promover un financiamento adaptado ás necesidades reais; integrar a educación emprendedora en todos os niveis formativos e apostar pola innovación no ámbito institucional: “Hai que seguir insistindo na educación emprendedora. Non podemos ter bos emprendedores se esa cultura emprendedora non somos capaces de inculcala desde o principio, desde a idade escolar. Hai que inculcar o valor de que ser emprendedor, querer xerar riqueza no propio territorio, é algo que vale a pena”, resaltou.

A partir de agora, desde a Xunta abrirase un período de reunións e consultas para poñer en común este traballo previo e sumar as achegas de todos os axentes do sector co obxectivo de enriquecer o documento.

Coa iniciativa, a Xunta busca consolidar os recursos dirixidos ao emprendemento que xa funcionan -como a Rede de polos, o Bono Remuda, o proxecto Fixar ou as políticas de retorno- e combinalas con outras medidas novas que permitan dar un impulso renovado a este sector. De feito, recordou que todos os esforzos feitos ata o momento valéronlle a Galicia o recoñecemento como ‘Rexión Europea Emprendedora en 2025’.

En definitiva, o presidente avogou por crear un ecosistema no que as ideas dos emprendedores galegos, e especialmente aquelas que proveñan do rural ou de zonas despoboadas, conten co apoio e recursos necesarios para converterse en realidade: “Todos traballamos polo mesmo obxectivo, todos queremos o mesmo. Oxalá podamos seguir crecendo en rede, coordinados, conxuntamente e en beneficio xeral”, rematou o presidente.

R., 2025-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES