Noticias

Cerca do 95 % dos nenos e nenas de entre 10 e 15 anos utilizan dispositivos electrónicos

O 84,3% das persoas de Galicia de 5 a 15 anos utilizou dispositivos electrónicos nos últimos 3 meses, e a porcentaxe sube ata o 94,8% no caso das de 10 a 15 anos. Os datos do estudo Rapaciñ@ dixitais. Edición 2024 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia indican que o nivel de dixitalización nestas idades recupera a tendencia ascendente tras a baixada detectada en 2023.

En todos os indicadores de dixitalización, as diferenzas de xénero son mínimas. Case todos os datos indican un nivel de dixitalización superior nas vilas de tamaño medio, dos 5.000 aos 20.000 habitantes. A provincia con maior índice de dixitalización entre as persoas de entre 5 e 15 anos é Pontevedra.

Os datos proceden da Enquisa Estrutural aos Fogares que realiza o IGE, que cede os datos a OSIMGA en virtude dun acordo de colaboración.

A maioría teñen acceso á rede desde idades temperás

O 83,6% dos nenos e nenas de 5 a 15 anos conectáronse algunha vez a internet e o 83% fíxoo nos últimos tres meses. Entre os de 10 a 15 anos, a porcentaxe supera o 94%.

Por idades, as rapazas de 5 a 9 anos incorpóranse antes á rede ca os rapaces, pero entre os 10 e 15 anos a diferenza desaparece. Nos fogares en risco de pobreza, o uso de internet é incluso superior á media.

Pontevedra lidera o nivel de uso de internet entre a xente máis nova. O 88% dos nenos e nenas de 5 a 15 anos navegaron por internet nos últimos tres meses. Entre os concellos galegos con maior número de habitantes, Ourense, Pontevedra, Ferrol, e Vigo superan o 87% de persoas de esas idades que se conectaron a internet nos últimos tres meses. As dos concellos que teñen entre 10.000 e 20.000 habitantes son as máis conectadas.

Usos da internet e dispositivos

O smartphone incrementa a súa presenza entre os 5 e os 15 anos ata o 61,3%. O ordenador mantén un uso do 62,3%, e case todos todas as persoas que declaran empregalo conéctanse á rede (59,9%).

As actividades máis frecuentes son videochamadas (73,1%) e cursos en liña (66,7%). Pero tamén crecen máis de 8 puntos a busca de información (52,1%) e ler novas (34,6%), o que reflicte unha diversificación dos usos dixitais.

Mocidade galega: liderado en comercio electrónico e e-administración

Os mozos e mozas de 16 a 34 anos superan o nivel de uso de internet da poboación xeral. A excepción das actividades relacionadas coa saúde ou o emprego da banca electrónica, onde os maiores de 35 anos son máis activos. Porén, a mocidade internauta supera ás persoas de máis idade en actividades tales coma “copiar, mover ficheiros ou carpetas”, onde rexistran 28 puntos porcentuais máis que a poboación de 35 a 74.

O 86,4% da mocidade galega realiza compras por internet, o que supera en máis de 24 puntos á poboación maior de 35 anos.

Tamén lidera o uso da administración electrónica, con vantaxes de 10 puntos porcentuais respecto dos outros grupos de idade.

En ciberseguridade, o 17,9% dos mozos e mozas declarou que sufriu algún incidente no último ano, case un punto máis que a media global (17%)

Galicia, entre as comunidades mellor equipadas para a educación dixital

Nos fogares con escolares, a presenza de ordenadores supera en 18,2 puntos á media da poboación que non convive con persoas en idade escolar. Tamén destaca a dispoñibilidade de tablets, consolas con acceso a internet e smart TV.

Nos centros educativos, Galicia ocupa o segundo posto en implantación de contornas virtuais de aprendizaxe, o cuarto en aulas con sistemas dixitais interactivos e o quinto en conexións superiores a 100 Mbps. A ratio de alumnos por ordenador é de 2, mellor que a media estatal (2,6).

R., 2025-12-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES