
Neste contexto nace o ciclo de conferencias LoIA? Que nos están contando. Conversas sobre intelixencia artificial e sociedade, concibido como un espazo para compartir coñecemento, formular preguntas e reflexionar sobre como a intelixencia artificial está a transformar a nosa sociedade desde o pensamento crítico e o diálogo plural, deixando a un lado a rumoroloxía, de aí a referencia do ciclo ás loias.
Pensadas como actividades abertas á cidadanía, de acceso libre ata completar aforo, as diferentes sesións abordarán cuestións relacionadas coa educación, a información, a igualdade ou a regulación da intelixencia artificial a través de conversas con especialistas de diferentes ámbitos.
A primeira cita celebrarase mañá, martes 17 de novembro, ás 18:30 horas, na Fundación Paideia, baixo o título LoIA na aula: aprender ou delegar?. Proporá a reflexión sobre o momento actual da incorporación da intelixencia artificial á educación. A conversa partirá dunha pregunta fundamental: estamos xa ante unha transformación estrutural da maneira de ensinar e aprender ou seguimos nunha etapa de exploración e experimentación? A partir dela abordaranse cuestións como o impacto da IA no traballo docente, os cambios nos hábitos de aprendizaxe do alumnado, os límites éticos do seu uso e os retos que estas ferramentas supoñen para o pensamento crítico e a avaliación.
Especialistas en educación e intelixencia artificial
A conversa contará coa participación de Ana Sánchez Bello, decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e investigadora do Grupo de Investigación en Innovacións Educativas (GIE). Ao longo da súa traxectoria mantivo un firme compromiso coa promoción dunha educación máis inclusiva e equitativa, desenvolvendo investigación sobre currículo, políticas educativas, igualdade e inclusión. O seu traballo conecta cos principais retos sociais e educativos que afrontan Galicia e Europa, especialmente no ámbito da cohesión social, a equidade e a formación dunha cidadanía crítica e participativa.
Xunto a ela intervirá Francisco Bellas Bouza, catedrático da Universidade da Coruña e investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría no CITIC, onde traballa en intelixencia artificial aplicada desde 1999. Autor de máis de corenta publicacións en revistas científicas internacionais, participou en arredor de medio cento de proxectos de investigación e innovación. A súa actividade céntrase principalmente na robótica cognitiva e na aplicación da intelixencia artificial á educación.
Bellas colabora ademais con organismos internacionais como o European Digital Education Hub, a UNESCO ou a Fundación Asia-Europa, e imparte regularmente formación a docentes de distintos países europeos sobre o uso eficiente, ético e responsable da intelixencia artificial nas aulas.
Próximas sesións
O ciclo continuará o 17 de decembro coa sesión LoIA na rede: verdade, mentira e algoritmos, na que participarán o investigador do CITIC Javier Parapar e a profesora e investigadora da Facultade de Ciencias da Comunicación Teresa Piñeiro. A conversa abordará o papel dos algoritmos na creación, distribución e consumo de información, así como os retos no que respecta á veracidade dos contidos e a formación da opinión pública.
O 14 de xaneiro celebrarase LoIA e igualdade: reproduce ou combate os nesgos?, coa participación da investigadora e vicerreitora de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial da UDC, Laura Castro, que analizará como os sistemas de intelixencia artificial poden reproducir prexuízos e desigualdades xa presentes nos datos cos que son adestrados e que medidas se poden adoptar para minimizalos.
O ciclo rematará o 18 de febreiro con LoIA ante a lei: quen decide as regras?, unha sesión a cargo de Natalia Álvarez, centrada nos desafíos normativos e xurídicos asociados ao desenvolvemento e uso da intelixencia artificial e nos mecanismos que están a impulsar institucións nacionais e internacionais para regular esta tecnoloxía.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.