
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación da iniciativa Circo no Camiño, que tivo lugar na Cidade da Cultura. Esta proposta celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais.
A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.
En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín -onde estará do 12 ao 15 de novembro-; Lalín -do 20 ao 22 de novembro-; A Estrada -entre o 27 e o 29 de novembro-; e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.
Entre as principais propostas que se presentaron este martes destacan a Gran Gala de Circo no Camiño, conducida polo pallaso Fifo; a maxia do Mago Teto; os espectáculos de Culturactiva; a música para cativos de Uxía Lambona e a Banda Molona; e os pasarrúas de Troula.
O director de Turismo de Galicia incidiu no seu aporte para a dinamización turística e económica, así como na diversificación das experiencias vinculadas ao Camiño de Santiago.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).