Notas de prensa

A UVigo participa nun proxecto que emprega a realidade virtual na recuperación tras un transplante de medula ósea

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.

Promovida polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e o Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, esta iniciativa busca converter o paciente nun axente activo da súa propia recuperación, empregando a realidade virtual para aumentar a súa adherencia á práctica de exercicio durante os períodos nos que se atopan ingresados en réxime de illamento.

Con ese propósito, este programa combina o exercicio físico terapéutico, polos seus beneficios sobre a fatiga, o estado cardiovascular e a saúde emocional nos procesos oncohematolóxicos, co uso de lentes de realidade virtual inmersiva. Estes dispositivos, explica o equipo investigador, permiten ás persoas ingresadas tras un transplante de medula ósea ou tras someterse a una terapia CAR-T afrontar un illamento que supón “unha perda drástica de movemento”, contribuíndo a acelerar a súa recuperación física e psicolóxica e mitigar o seu deterioro físico. Nestes períodos, o uso destes dispositivos achégaos a “ambientes virtuais paralelos, motivadores e lúdicos”, a través do uso de exergames, xogos cunha compoñente física. O obxectivo desta iniciativa é que o uso deste tecnoloxía contribúa a reducir o estrés e a ansiedade e mellorar a súa tolerancia á dor, ao tempo que lles axuda a “manterse fisicamente activos durante o tempo de ingreso”, sinalan.

Un enfoque interdisciplinar

Froito da colaboración de equipos multidisciplinares, trátase dun proxecto liderado por Carmen Albo, xefa do Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Álvaro Cunqueiro e investigadora principal do grupo de Hematoloxía e Hemoterapia do IISGS, e coordinado polo investigador Pablo Campo, do grupo HealthyFit da UVigo, adscrito tamén ao IISGS.

Fisioterapeuta experto na aplicación da realidade virtual inmersiva ao traballo con colectivos afectados por diferentes patoloxías, Campo sinala que esta tecnoloxía posibilita “un enfoque multisensorial onde o paciente interactúa cun ambiente agradable, que gradúa a intensidade do esforzo en tempo real, transformando o esforzo físico nunha experiencia lúdica e motivadora”. Isto, engade, faise especialmente relevante no caso de pacientes que se atopan en illamento, xa que permítelles “trasladarse a outros lugares e escenarios sen saír da habitación”, o que tamén “contribúe ao benestar emocional durante o período de ingreso”. Nesa mesma liña, Carmen Albo subliña que a realización de actividade física é algo “seguro e necesario durante estes tratamentos, pero a incerteza e o illamento” que estes supoñen diminúen con frecuencia “a adherencia dos pacientes ás táboas de exercicio convencionais”.

Este programa conta así mesmo co apoio da Asociación Galega de Persoas Afectadas por Transplantes de Médula Ósea (Asotrame), o que permitiu que o seu deseño “responda ás percepcións e necesidades reais dos usuarios”, así como dos equipos de Fisioterapia, Psicoloxía e Enfermaría do hospital e de Igalia-Free Software Consulting, que facilitou a compra dos dispositivos.

Un programa que aspira a converterse en referencia

Este proxecto pioneiro, explican os seus promotores, arranca cun ensaio clínico que permitirá comparar os beneficios das e dos pacientes en tratamentos de terapia celular que levan a cabo actividade física con realidade virtual, fronte a pacientes aos que se lles prescribe “un programa convencional de exercicio terapéutico” durante o seu período de ingreso.

Nese senso, desde o Álvaro Cunqueiro definen este programa como un “salto cualitativo” respecto dun programa de exercicio terapéutico pioneiro, que este hospital puxo en marcha en 2017 e que deu lugar á creación dunha guía de exercicios editada polo Grupo Español de Transplante Hematopoético e Terapia Celular (GETH-TC), que actualmente se distribúe entre pacientes de toda España. De feito, se os resultados deste ensaio clínico “confirman as expectativas”, o obxectivo é que esta metodoloxía baseada no uso de realidade virtual poida converterse “nun modelo de referencia transferible a nivel nacional”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-11-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizados hoxe polo Consello da Xunta, que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES