Noticias

Egeria organiza as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, que afondan na dimensión humana e intelectual de Ramón Piñeiro

Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

A primeira sesión contou coas intervencións de Grial Parga, Henrique Monteagudo, Rocío Carolo Tosar, Siro López Lorenzo e Agustín Dosil Maceira, que abordaron diferentes dimensións da personalidade de Piñeiro, desde a súa vida familiar e a súa actividade política ata o seu pensamento filosófico e a súa concepción da saudade.

Un dos aspectos máis destacados do encontro foi a aproximación á dimensión máis humana do intelectual de Láncara. As intervencións puxeron de manifesto o seu carácter serio e xeneroso, a súa honestidade, a súa capacidade de diálogo e o seu compromiso coa cultura galega.

A programación continuou o venres 6 cun percorrido polo Lugo de Ramón Piñeiro, guiado pola investigadora Beatriz García Turnes, que permitiu descubrir distintos espazos vinculados á súa biografía e á súa traxectoria persoal e intelectual. Entre eles figuraron o antigo instituto no que estudou, a rúa do Teatro, a rúa da Raíña, a Muralla e a Praza Maior.

As sesións académicas completáronse coas conferencias de Valentín García Gómez, Armando Requeixo, Miguel Ángel Martínez Quintanar e Beatriz García Turnes, centradas na metalinguaxe, a vixencia do pensamento de Piñeiro, a saudade e a súa relación coa lingua galega. Tamén se presentou o libro "Manuel Regueiro Tenreiro: Filosofía e lingua", que recolle as intervencións das primeiras Xornadas Anuais de Pensamento Galego, celebradas en 2025. Marcelino Agís Villaverde foi o encargado de pechar o programa académico cunha conferencia sobre a faceta filosófica de Ramón Piñeiro.

O encontro completouse en Láncara cun percorrido polos lugares máis significativos da vida do pensador, guiado por Agustín Dosil Maceira, que incluíu a residencia de A Veiga, o colexio, o busto conmemorativo, a casa natal e a escola.

Promovidas e organizadas por Egeria e Brandán Comunicación, co patrocinio da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo, as xornadas contaron coa colaboración de diversas institucións académicas, culturais e editoriais. A iniciativa contribuíu a divulgar e actualizar o legado de Ramón Piñeiro, achegando a súa figura a novos públicos e reivindicando a súa importancia na construción do pensamento e da cultura galegas.

R., 2026-11-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES