Notas de prensa

A narración oral convértese en protagonista da programación cultural do campus de Pontevedra

A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.

Nos tres casos, trátase de espectáculos programados para as 20.30 horas, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Coordinada pola profesora Begoña Paz, esta nova edición de Contos de inverno reúne “unha mestura de perfís e maneiras de contar”, sinala, na que se combinan “a espontaneidade dos homes e mulleres das parroquias de Pontevedra”, coa “frescura e a mirada contemporánea” de Atenea García e “o saber” de Fernández Sanmartín.

A veciñanza abre a programación

A programación ábrese o xoves 19 cunha sesión dedicada a Bótalle un conto, un concurso de narración oral en galego promovido pola Área de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e dirixido a pór en valor a riqueza lingüística do país a través das historias e lembranzas da veciñanza. Coincidindo coa quinta edición deste certame, Contos de inverno levará ao escenario algunhas das persoas finalistas nas edicións previas.

O mércores 25 de novembro, a protagonista deste ciclo será a actriz, creadora escénica e narradora oral Atenea García. Titulada en arte dramática pola ESAD e cofundadora da compañía Xarope Tulú, o traballo desta narradora “combina oralidade, interpretación e creación escénica desde unha mirada contemporánea, próxima e comprometida”, sinalan desde a organización. O espectáculo que presentará nesta xornada, As ben dadas, traza “un percorrido polas disidencias sexuais” en Galicia, buscando revisar mitos a través do humor, así como reflexionar sobre como “o rural foi un espazo moito máis hostil ca cidade para as persoas que non encaixaban na norma”.

Xa o xoves 3 de decembro, pecharase unha nova edición de Contos de inverno co poeta, etnógrafo e narrador oral Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, cuxo repertorio, sinalan desde a organización, está composto por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega, “recollidas especialmente das persoas maiores” e que aborda desde “unha mirada contemporánea”, reivindicando “o valor da oralidade, da lingua e da memoria como formas de relación e cultura”.

Concerto de Abril

Este ciclo de narración oral forma parte da programación cultural da Vicerreitoría do campus, na que se insiren tamén propostas como Música para reCREAr, un ciclo de actuacións que este xoves 12 pecha unha nova edición cun concerto do grupo folk Abril. O dúo que integran Claudia Abril, á voz e pandeireta, e Marina Carpente, ao violín, presentará a súa proposta de “tradición renovada e sons de raíz en harmonía co presente”, nun concerto no Pazo da Cultura, que dará comezo ás 20.30 horas e contará con entrada gratuíta. Promovido coa colaboración do Concello, a apertura de portas terá lugar media hora antes.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-11-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES