Noticias

A Formación Profesional contará cun novo marco curricular e cun selo para as empresas comprometidas coa FP Dual

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizados hoxe polo Consello da Xunta, que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.

Cómpre lembrar que os cambios introducidos pola nova lei estatal de FP obrigaron a modificar a normativa galega reguladora destas ensinanzas. Unha vez publicado en marzo deste ano o Decreto 20/2026 polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, a Consellería de Educación procede agora a actualizar os contidos concretos dos currículos dos ciclos formativos e másteres de FP.

A nova normativa afecta un total de 206 titulacións das 26 familias profesionais implantadas en Galicia en máis de 270 centros, coa participación de máis de 4.800 docentes e 75.383 alumnos. Recolle os novos módulos e figuras docentes da FP galega introducidas no novo decreto, así como a investigación e innovación aplicada nestas ensinanzas. Facilitará, así mesmo, a planificación da actividade docente e a organización académica, reforzará a formación práctica na empresa e a prevención de riscos laborais, e incorporará novas metodoloxías activas, flexibles e de atención á diversidade.

Este desenvolvemento normativo faise a través de catro ordes, unha para cada grao (básico, medio e superior) e outra para os cursos de especialización e másteres, que configuran un modelo formativo máis flexible. O formato escollido, as ordes, permite actualizar os currículos con maior axilidade cando evolucione a normativa básica ou as necesidades dos sectores produtivos galegos. Deste xeito, consolídase un modelo de FP máis competencial, innovador e conectado coa realidade.

Módulos personalizados

As ordes enmarcan os módulos xa incorporados nos dous últimos cursos á FP en resposta ás necesidades de Galicia e, segundo resaltou Rueda, “reforza a autonomía dos centros que son os máis preparados para saber as necesidades da contorna”. No que atinxe ao de Habilidades comunicativas en lingua estranxeira, establécese que o centro é quen decide o idioma de impartición en cada ciclo de acordo co seu proxecto lingüístico, mentres que no módulo de Afondamento nas competencias profesionais, cada centro poderá determinar o contido, incluíndo capacitacións ou habilitacións profesionais, habilidades brandas, aprendizaxe dunha lingua estranxeira ou calquera outra formación propia que complemente o perfil do ciclo formativo. Esta autonomía, que xa se está a aplicar, permítelles aos centros adaptar o currículo ás características do contorno socioprodutivo.

Tamén se inclúen os módulos definidos na norma básica estatal, en concreto os de Itinerario persoal para a empregabilidade, Dixitalización aplicada aos sectores produtivos, Sostibilidade aplicada ao sistema produtivo, Proxecto intermodular e Inglés profesional.

Para facilitar a planificación e ordenación académica, a duración e distribución dos módulos queda marcada polas ordes da Consellería, incluíndo a fase de formación en empresa como parte integrada do currículo de cada oferta formativa, distribuíndo o currículo entre o centro e a empresa. Neste ámbito tamén se inclúe en todos os ciclos, dentro do módulo de Itinerario persoal para a empregabilidade, formación en prevención de riscos laborais que, xunto co resto dos módulos, lle permite ao alumnado obter a certificación do nivel básico desta materia.

Persoas expertas na docencia

O novo decreto de FP introduciu tres novas figuras na docencia para achegala á realidade das empresas, a modo de profesores asociados investigadores. As novas ordes determinarán o procedemento para a súa contratación, establecendo que os centros públicos poderán realizar proposta dos perfís profesionais que precisen.

En primeiro lugar, tal e como explicou Rueda, a figura do persoal experto do sector produtivo nos centros públicos refírese a persoas que conten cun recoñecido prestixio profesional ou presten os seus servizos en empresas de importancia significativa para os sectores produtivos galegos, “que impartirán clase en másteres de FP” e en ofertas e alta especialización. Estes profesionais contribuirán ao apoio de accións de investigación e innovación aplicada nos centros en que dean clase, así como no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, cuxa continuidade tamén garante a nova normativa.

En segundo termo, o caso das persoas profesionais expertas, con dominio específico no ámbito do seu sector produtivo e non necesariamente tituladas, poderán impartir clases en FP cando se requira para cubrir posibles necesidades de formación. Por último, as persoas expertas sénior de empresa son profesionais que se poden acoller a unha redución parcial de xornada na súa empresa nos anos previos á súa xubilación ou en xubilación parcial. Poderán contratarse para cubrir as necesidades de formación na FP ou para garantir a actualización do currículo no centro por parte do equipo docente e a súa relación coa realidade produtiva.

Novas metodoloxías

De xeito transversal, a nova normativa introduce a implantación progresiva e xeneralizada de metodoloxías activas baseadas en proxectos e retos, próximos á realidade produtiva. Tamén se favorecen as ofertas modulares, presenciais ou virtuais, que faciliten unha aprendizaxe adaptada ás condicións, capacidades, necesidades e a intereses das persoas que se poida conciliar con outras actividades e responsabilidades.

Selo para as empresas comprometidas coa FP dual

O compromiso das empresas galegas é un dos factores fundamentais para unha formación da máxima calidade e para a inserción laboral do alumnado. Para recoñecer este traballo, a Consellería de Educación crea o novo selo Empresa comprometida coa formación profesional dual, un distintivo dirixido ás compañías que colaboraran con estas ensinanzas polo menos durante tres anos consecutivos no último lustro a través de dous ou máis convenios formativos. Entre os requisitos, segundo indicou Rueda, valorarase especialmente a participación en proxectos de FP dual intensiva, a contratación de titulados da FP galega unha vez rematadas a formación ou a participación en programas de innovación impulsados desde a Consellería.

Ademais do selo distintivo, as empresas que sexan recoñecidas contarán con diversos beneficios, como a simplificación nos trámites coa Administración educativa, prioridade na participación nos procesos colectivos de acreditación da experiencia laboral para as persoas traballadoras da empresa ou o acceso preferente a proxectos e redes de innovación da Consellería. Así mesmo, o persoal destas empresas terá prioridade para incorporarse aos centros no marco das ditas tres novas figuras docentes de persoas expertas anteriormente descritas.

O obxectivo deste recoñecemento, que terá unha vixencia de catro anos e se convocará antes de que remate o ano e con periodicidade anual, é fortalecer os vínculos entre a FP e o tecido produtivo, que contribúe de xeito decisivo á calidade da formación do alumnado. Así mesmo, favorécese a participación das empresas nos proxectos innovadores da FP galega e a formación continua, tanto de profesores como de persoas traballadoras.

R., 2026-11-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES