Noticias

O Compostela Tradfest reforza o atractivo cultural e turístico da capital de Galicia o domingo 26 de xullo

O Compostela TradFest desenvolverase en tres dos espazos máis emblemáticos do casco histórico compostelán: a Praza da Quintana, a Praza de Mazarelos e a Igrexa da Universidade, integrando o patrimonio monumental da cidade nunha experiencia cultural aberta e gratuíta para todos os públicos. Entre os nomes máis destacados figuran Budiño, un dos grandes referentes da música galega actual; Felisa Segade, unha das voces máis recoñecidas da nova escena tradicional; a artista Ana Alcaide, acompañada polo estadounidense Bill Cooley; o portugués O Gajo ou o arxentino Martín Bruhn.

Santiago de Compostela volverá converterse o vindeiro 26 de xullo nun gran escenario para a música tradicional coa celebración da oitava edición do Compostela TradFest, unha das citas máis destacadas da programación das Festas do Apóstolo e integrada nos Concertos do Xacobeo. Durante máis de doce horas ininterrompidas, a cidade encherase de concertos, ruadas e propostas musicais que conectarán a tradición galega con outras culturas do ámbito atlántico, ibérico e lusófono.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación oficial do festival e destacou que "o Compostela TradFest eleva o valor dos Concertos do Xacobeo á hora de apoiar propostas que poñen en valor a identidade cultural de Galicia e que enriquecen a experiencia de quen visita a nosa comunidade". Neste sentido, sinalou que "a través da música tradicional e da súa capacidade para dialogar con outras culturas, o festival reforza o atractivo de Santiago como destino cultural nunhas datas tan sinaladas como as Festas do Apóstolo".

O representante da Xunta lembrou ademais que os Concertos do Xacobeo continúan impulsando unha programación diversa en todo o territorio galego, apoiando eventos que contribúen a descentralizar a oferta cultural e a consolidar Galicia como un destino de referencia para vivir a música en directo ao longo de todo o ano.

Música, patrimonio e cidade

O Compostela TradFest desenvolverase en tres dos espazos máis emblemáticos do casco histórico compostelán: a Praza da Quintana, a Praza de Mazarelos e a Igrexa da Universidade, integrando o patrimonio monumental da cidade nunha experiencia cultural aberta e gratuíta para todos os públicos.

A programación reunirá artistas de Galicia e doutros países nun diálogo entre tradición e creación contemporánea. Entre os nomes máis destacados figuran Budiño, un dos grandes referentes da música galega actual; Felisa Segade, unha das voces máis recoñecidas da nova escena tradicional; a artista Ana Alcaide, acompañada polo estadounidense Bill Cooley; o portugués O Gajo; o arxentino Martín Bruhn; o gaiteiro escocés Allan MacDonald, xunto a Chick McAuley & Friends, ademais do coro compostelán Vox Stellae e da Banda Municipal de Música de Santiago, que abrirá a xornada co espectáculo Horizonte Tradi.

O festival completarase con ruadas durante toda a xornada, convertendo o centro histórico compostelán nun espazo vivo onde música, patrimonio e participación cidadá convivirán ao longo de todo o día.

Co apoio dos Concertos do Xacobeo, o Compostela TradFest continúa consolidándose como unha cita singular do calendario cultural galego, contribuíndo a reforzar o atractivo turístico de Santiago de Compostela mediante unha proposta que combina identidade, patrimonio e proxección internacional.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade.

R., 2026-07-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES