Notas de prensa

A Universidade de Vigo volve ao espazo co experimento CORTIS de UVigo SpaceLab

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.

Integrado na plataforma orbital OSSIE, deseñada e fabricada pola empresa de Nigrán UARX Space, e que se separou do lanzador e quedou liberado en órbita ás 21.41 horas, CORTIS permitirá testar e comparar os resultados de cámaras e sensores de radiación implementados no cubesat BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit) e así poder comprobar o correcto funcionamento do sistema.

Transcorridos case oito anos desde do lanzamento do cubesat Lume-1 a cargo da Agrupación Aeroespacial, a UVigo regresou onte ao espazo, no que as e o integrantes de UVigo SpaceLab consideran “un fito da asociación, xa que permite consolidarnos dentro do sector aeroespacial. Xa non somos só un grupo de estudantes que ten ideas, senón un grupo de estudantes que consegue desenvolvelas e levalas do papel á orbita”, detalla Daniel Collarte.

Completada a separación a través de SAU&RON24, sistema que tamén foi desenvolvido por UARX Space, o equipo de operacións de UARX Space iniciaba a fase de operacións iniciais en órbita (LEOP), durante a que se establecerán e verificarán as comunicacións con OSSIE-D, avaliarase o estado do vehículo e analizarase a súa telemetría, antes de proceder a activar progresivamente os sistemas necesarios para as seguintes fases da misión, que transporta, ademais do proxecto CORTIS, outras nove cargas e 16 satélites, que permanecerán integrados na plataforma para realizar demostracións tecnolóxicas e validar novos desenvolvementos e condicións reais de operación espacial.

Recollida e tratamento de datos

O proxecto CORTIS comezou en xullo de 2024 e rematou coa súa integración na plataforma orbital OSSIE en xuño de 2025, “froito dunha marabillosa oportunidade que xurdiu da nosa colaboración con UARX Space e que poderíamos dicir que foi un impás no desenvolvemento de BIXO, que permitiu a novos membros da asociación experimentar a realización dunha misión de principio a fin e impulsounos a continuar en BIXO con máis forza, ademais de validar tecnoloxías que se van incluír posteriormente nesta misión”, explican os membros de UVigo SpaceLab.

Integrado na plataforma orbital OSSIE, o experimento CORTIS recollerá de xeito regular datos sobre radiación en órbita. Avaliar e comparar o rendemento de sensores de radiación comerciais fronte a tecnoloxías desenvolvidas por UVigo SpaceLab, así como validar unha cámara con flight heritage, son os obxectivos principais do proxecto no que participou medio cento de estudantes integrados na asociación.

“O tratamento dos datos é realizado por UARX Space e nós recibímolos en paquetes como usuarios. En casos puntuais, poderemos descargar fotografías sacadas por CORTIS e isto durará a totalidade da misión de OSSIE”, sinala Daniel Collarte. En canto as e os integrantes de UVigo SpaceLab comecen a recibir os datos poderán comprobar o correcto funcionamento do sistema “e así asegurar o éxito da nosa misión principal”. Uns datos que os integrantes das asociación aseguran que son de vital importancia para a misión biolóxica do cubesat que porá en órbita un cultivo bacteriano para estudar como lle afecta as exposición prolongadas ao ambiente espacial, xa que permitirán saber a canta radiación estarán sometidas as bacterias durante o experimento, polo que será crítico asegurar o seu funcionamento en órbita e logo o procesado de datos.

Pola súa banda, a cámara fligt heritag, coa que se agardan obter imaxes do exterior de OSSIE e da Terra, será unha das cargas secundarias de BIXO, polo que este experimento permitirá probar o seu funcionamento en órbita e realizar probas de descarga e procesado das imaxes xeradas.

Prosegue a integración e validación de subsistemas de BIXO

Cinco anos despois do seu inicio, o deseño e construción de BIXO continúa neste momento coa integración e validación dos subsistemas e distintos compoñentes na sala limpa. “Actualmente recibimos case todas as pezas para a montaxe dos modelos de cualificación e voo. En canto estea rematado realizaremos todos os ensaios de cualificación: TVAC, vibracións e as probas correspondentes”, enumera o alumnado.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-10-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES