
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da programación da edición de 2026 do Festival Internacional de Teatro de Ourense, que se desenvolverá do 15 ao 25 de outubro en diferentes espazos da capital ourensá, Celanova e Ribadavia. Organizada por Sarabela Teatro co apoio da Xunta de Galicia, a mostra reforza a súa aposta pola creación galega e polo encontro con propostas escénicas doutros territorios, cun cartel que abrangue teatro, danza, circo contemporáneo e intervencións de rúa.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. A colaboración institucional contribúe a ampliar a súa presenza territorial e a favorecer o acceso do público a unha oferta diversa, na que conviven compañías consolidadas e iniciativas de creación emerxente.
Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense.
A participación galega complétase con Píscore Teatro, que representará Molto Barroco en Celanova o domingo 18; Ibuprofeno Teatro, con Bio Construción no Teatro Principal o xoves 22; Pistacatro, con Sen patrón na praza de San Xoán de Ribadavia o sábado 24, e Marta Alonso, que ofrecerá Dance Join ese mesmo día na praza de San Martiño de Ourense. Producións Teatrais Excéntricas pechará o festival o domingo 25 no Teatro Principal con Mofa e Befa: A arte da guerra.
Propostas internacionais e diversidade de espazos
No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival o sábado 17 con Todo terminará por Navidad, 66 minutos antes de Nochebuena. A formación colombiana LExplose, en colaboración con Opsis, presentará Entrecruzad@s o venres 23, unha proposta que aborda a identidade, o desarraigamento e a exclusión a través do movemento e da interpretación. Ambas as funcións terán lugar no Teatro Principal.
A programación incorpora tamén Poeta (perdido) en Nueva York, da compañía andaluza Aedo Teatro, o venres 16 no Teatro Principal, e Costura, de Elena Romero Muñoz, chegada de Cataluña, o domingo 18 no Liceo de Ourense.
O Teatro Principal, o Liceo e a Sala Emilia Pardo Bazán conforman as principais sedes da capital ourensá, xunto coas rúas e prazas da cidade. A extensión a Celanova e Ribadavia reforza a dimensión provincial do certame e a súa capacidade para achegar as artes escénicas a novos públicos.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.