Notas de prensa

A campaña arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán confirma a súa ocupación prehistórica

Desde o pasado 13 de xullo un equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo unha nova campaña de intervención arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, que permitiu confirmar a súa ocupación prehistórica.

“A campaña deste ano rematou cun balance excepcional que reforza o valor patrimonial e científico deste enclave, situado no val do Támega. Os traballos desenvolvidos permitiron documentar novos materiais e estruturas que amplían de xeito notable o coñecemento sobre as distintas ocupacións humanas que se sucederon neste espazo ao longo de milenios”, sinalan desde o proxecto.

A iniciativa enmárcase nunha liña de investigación consolidada da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo centrada desde a Facultade de Historia do campus de Ourense no estudo das sociedades da Prehistoria recente no territorio transfronteirizo do val do Alto Támega. A dirección científica correu a cargo de Diego Herrero, en colaboración con Beatriz Comendador, Eduardo Méndez e Mikel Díaz (da Área de Prehistoria da UVigo); Miguel Ángel Álvarez (da Área de Xeografía Física) e de Víctor Rodríguez Muñiz (da Área de Historia Medieval). A dirección arqueolóxica recaeu en Lucía Rodríguez, doutora pola UVigo e actualmente investigadora da Universidad de Alcalá. A actividade contou co financiamento da convocatoria de axudas aos grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2026 (froito do convenio anual entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense) e co apoio do Concello de Monterrei.

Da Prehistoria á época tardorromana

A campaña deste ano, chamada Lobarzán Aberto, centrouse no estudo deste asentamento prehistórico, datado entre os milenios IV e III antes de Cristo, co obxectivo de avanzar no coñecemento das primeiras comunidades campesiñas do noroeste peninsular e da súa relación coa paisaxe e cos espazos simbólicos. Entre os achados feitos estas semanas, desde o GEAAT subliñan a recuperación dun abundante conxunto de material cerámico e lítico, incluíndo algunhas pezas “dunha singularidade notable”. Entre elas, indican que sobresae unha conta de variscita, mineral de tonalidade verde moi apreciado na Prehistoria recente e cuxa presenza no xacemento “constitúe unha evidencia directa de redes de intercambio que conectaban Lobarzán con áreas de captación de materia prima situadas a gran distancia”. Xunto a esta peza documentáronse tamén varias puntas de frecha de sílex. O conxunto destes materiais, indica o equipo arqueolóxico, achega probas da mobilidade e dos contactos que estas poboacións mantiñan con outros territorios.

“Os traballos veñen certificar, unha vez máis, a relación entre a ocupación prehistórica do xacemento e unha posterior ocupación de época altomedieval, confirmando a longa secuencia cronolóxica que caracteriza este enclave”, sinala o equipo investigador. Porén, engaden, “a novidade máis relevante desta campaña foi comprobar que a actividade de época tardorromana alterou os niveis prehistóricos previos”. A campaña permitiu descubrir unha posible tumba cuberta con tégula, datada entre os séculos IV e VI, de plena época tardorromana. “Deste xeito, nunha mesma área de escavación e a poucos centímetros, conviven os testemuños da ocupación prehistórica e os restos de época tardorromana”, afirman desde o GEAAT. Como curiosidade, tamén atoparon o que pode ser unha posible bala da Guerra Civil.

Un xacemento de “enorme potencial”

Segundo explica o equipo arqueolóxico, “o conxunto de resultados obtidos este ano no marco do proxecto Lobarzán Aberto reafirma “o enorme potencial do xacemento para futuras actuacións arqueolóxicas e contribúe a arroxar luz sobre a historia do val do Támega, as súas dinámicas de poboamento e os seus contactos con outros territorios ao longo de miles de anos”. En certo modo, engaden, “esta campaña tamén devolveu o verde a Lobarzán: o mesmo verde da conta de variscita que viaxou ata nós dende a Prehistoria, o verde das camisetas do equipo que traballou esta campaña sobre o terreo, e o verde que, tras os incendios sufridos o pasado ano, volve pouco a pouco recuperar a paisaxe que rodea o xacemento. Un símbolo de continuidade e de renovación para un lugar que segue, campaña tras campaña, escribindo novas páxinas da historia deste territorio”.

Ademais da súa dimensión investigadora e formativa, o proxecto incorporou unha destacada vertente de difusión e educación patrimonial, levándose a cabo diferentes actividades dirixidas á cidadanía, incluíndo visitas ao enclave e propostas educativas orientadas a fomentar o coñecemento e a valorización do patrimonio arqueolóxico da comarca.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-07-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES