//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Os últimos concertos de Atardecer no Gaiás do mes de xullo traen unha das bandas galegas de rock máis internacionais do momento: Bala. O dúo coruñés actuará o xoves 23 de xullo, logo de ter pasado por escenarios e festivais de toda España, Reino Unido, Australia, Estados Unidos e Xapón. A actuación será ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con acceso libre e gratuíto. Con catro discos e un directo explosivo, Ánxela Baltar e Violeta Mosquera farán un repaso dos temas cos que deron forma a unha identidade única na escena. Guitarra, batería e voz son suficientes para lanzar disparos sonoros que lembran ao rock intenso dos 90 con influencias que van desde o stoner, ao hardcore e o punk.
O ciclo de concertos gratuítos Atardecer no Gaiás estará dedicado esta semana a dúas bandas do novo tradi galego, Maricarme e Unto Vello. Ambas as dúas propostas recollen melodías do folclore que actualizan sen perder a súa esencia a partir de novos arranxos e instrumentación contemporánea. Os concertos serán o xoves 16 e venres 17 a partir das 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura. Maricarme presentará o xoves 16 de xullo en Atardecer no Gaiás un adianto do que será o seu primeiro EP, con temas como Eu non quero té, nos que mesturan violíns, pandeiros, bouzouki e electrónica nun son fresco e actual que transita entre a tradición oral e as composicións propias. Este supertrío nace da unión de tres artistas cunha recoñecida traxectoria na escena: Cibran Seixo (Davide Salvado, Abraham Cupeiro), María Jorge (Caldo, Mercedes Peón) e Migui Carballido (Zeltia Irevire, Mäi) e o seu directo escoitouse xa no Festival Maré, Festiletras ou na Foliada da Fonsagrada.
As oito curtametraxes finalistas na última edición dos Premios Mestre Mateo volven percorrer Galicia como parte do Ciclo de Mestre Mateo Galicia Calidade en virtude da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual para contribuír á difusión da produción galega neste formato. Deste xeito, as oito pezas de ficción e animación que chegaron á última fase dos galardóns visitarán este ano 26 concellos galegos combinadas en dúas sesións de catro curtas segundo se trate de obras en imaxe real ou de animación. A iniciativa, que pasou xa polos municipios de Cea e Vilalba, continuará este mes coas vindeiras proxeccións en Meira (15 de xullo) e Ribadavia (28 de xullo) como parte da campaña de verán da 'Para gustos, cultura'.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios desenvolverá e ata decembro unha nova programación con 223 funcións escénicas e concertos en 39 concellos das catro provincias. Coa carteleira preparada para o segundo semestre de 2026 chégase ao 30º aniversario deste circuíto autonómico, fundado en 1996 e cofinanciado pola Xunta e as entidades locais asociadas para favorecer unha oferta estable de espectáculos maioritariamente producidos en Galicia desde os principais escenarios galegos. A programación, que se inicia o venres 11, ás 20,30 horas coa montaxe Coralinda a cargo de Elefante Elegante na Sala Bahía de Foz, reúne ata finais de ano as propostas de 109 compañías e grupos de teatro, danza, música, circo e maxia.
A creación coreográfica contemporánea chegará este mes a espazos abertos de cinco concellos galegos coa oitava edición de Danza no Camiño. O programa desenvolverá en Ferreira de Pantón, Tui, Ourense, Portomarín e Muxía a súa recta final entre o 12 e o 17 de xullo. Os espectáculos de produción galega terán unha presenza destacada nas dúas primeiras citas do festival en Galicia, nas que actuarán como convidadas as compañías de Julia Laport, Laboratorio Escénico, SóLODOS e Daniel Rodríguez Cía. Estas funcións terán lugar o domingo 12 de xullo na igrexa de Santiago de Castillón, en Ferreira de Pantón (Lugo), e o martes 14 na praza de San Telmo de Tui (Pontevedra), cunha selección de propostas que amosan diferentes linguaxes da danza contemporánea creada desde Galicia.
Presentouse en Lugo a sexta edición do evento Artesanía de Galicia no Courel, que se celebrará en diferentes localidades de Folgoso do Courel entre os días 5 e 9 de agosto e que incluirá cursos de iniciación con inscrición previa, así como obradoiros gratuítos e abertos ao público. A través desta iniciativa organizada pola Fundación Artesanía de Galicia coa colaboración deste concello lugués e da Fundación Uxío Novoneyra promóvese a presenza dos oficios artesanais nos espazos rurais e reforza a visibilidade da marca Artesanía de Galicia, ao tempo que favorece o achegamento do público ás técnicas tradicionais e aos valores do feito á man.
A Cidade da Cultura rexistrou este ano o mellor primeiro semestre da súa historia ao acadar as 120.000 persoas participantes nas actividades do Gaiás. Así se informou na reunión do Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, na que se deu conta do incremento de case un 20 % na asistencia á programación durante os seus primeiros meses do ano. Estes datos consolidan a tendencia positiva e de expansión do programa cultural do Gaiás, tras pechar o pasado exercicio como o mellor da súa historia en participación. Dentro das propostas previstas para a segunda metade do ano, está unha exposición en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS).
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2026, despois de que o Consello aprobase concedérllelas ao músico Esteban Batallán Cons, á científica Mar Capeáns Garrido, ao atleta Adrián Ben, á propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre, e á Fundación Andrea. É un dos recoñecementos máis importantes da nosa Comunidade. O Consello acordou recoñecer o traballo da Fundación Andrea, que apoia de xeito integral ás familias con nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.
Ponse en marcha a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño, que este verán ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas. O calendario de Cultura no Camiño para este ano, que se abriu esta semana con paradas en Ribadumia, onde Marta Ortiz presentou Canta, Bugina, canta! na Escola Infantil, e en Miño coa proposta A maxia dos libros, do Mago da Boina e Nami, no Centro de Día, continuará hoxe de novo en Ribadumia con Donas do lugar, un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia reunirá do 17 ao 25 de xullo 25 espectáculos procedentes de Galicia, Portugal, Francia, México e diferentes comunidades autónomas, nunha 42ª edición atravesada pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, a memoria histórica, a música en directo e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva. Entre estas propostas figura A Fortaleza, da compañía A Feroz, coproducida polo Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo.
'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Arquivo Histórico Universitario da USC celebra do 8 ao 14 de xuño a Semana Internacional dos Arquivos cunha exposición temporal e unha xornada científica o martes 9 en colaboración co Grupo de Investigación do Departamento de Historia Moderna da USC que leva por título 'Galicia e Portugal: vínculos históricos e fontes documentais para o seu estudo'.
Promovida polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, investigadores e investigadoras do grupo GEAAT da UVigo desenvolveron nas últimas semanas unha nova campaña arqueolóxica en Ons, que permitiu obter novos datos respecto da ocupación do castro do Castelo dos Mouros na época romana.
Do 9 e 13 de xuño celebrarase en Ourense a VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH). Baixo o título 'Produción, distribución e consumo de cerámicas nos territorios atlánticos da península ibérica', a cita reunirá especialistas de España e Portugal para dar a coñecer as últimas investigación feitas neste tipo cerámica. O groso do evento terá lugar en Ourense, pero un dos días trasladarase a Lugo.
O Concurso Runas 2026, que desde o ano 2000 impulsa a difusión da cultura e da música celta, pechou as súas votacións en liña superando os 100.000 votos emitidos, consolidando esta edición como unha das de maior participación dos últimos anos. O resultado final estivo marcado pola coincidencia entre o voto popular e a valoración do xurado profesional, que seleccionaron a JDC, Aérokorda e Leni Pérez & Sekadra como os tres grupos finalistas que actuarán este verán no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Baixo o título ...miña prenda, desde este xoves e ata o 24 de xullo, a Sala Alterarte acolle unha exposición do artista Xosé Poldras comisariada por Marta García. Con ela pecharase a programación deste curso académico do espazo expositivo do campus de Ourense. A mostra recolle principalmente gravados deste creador pero tamén dá entrada a outro tipo de pezas súas.
Promovida polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, un equipo de investigadores e investigadoras da UVigo inicia estes días en Ons unha nova campaña arqueolóxica no castro do Castelo dos Mouros. As escavacións, que se desenvolverán ao longo de catro semanas, céntranse en dúas áreas que foron obxecto de sondaxes arqueolóxicas na campaña realizada o pasado ano, co propósito de obter novos datos.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.