
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o nome dos cinco galardoados coas Medallas Castelao 2026, despois de que o Consello aprobase esta mañá concedérllelas ao músico Esteban Batallán Cons, á científica Mar Capeáns Garrido, ao atleta Adrián Ben, á propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre, e á Fundación Andrea. Trátase dun dos recoñecementos máis importantes que outorga a Comunidade.
O Consello acordou recoñecer o traballo desde hai vinte anos da Fundación Andrea, entidade que apoia de xeito integral ás familias con nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. A Fundación, liderada por Charo Barca tras o falecemento da súa filla Andrea, ofrece desde axudas económicas, a atención psicolóxica ou aloxamentos adaptados, preto do Hospital Clínico de Santiago, para as familias con rapaces ingresados. Ademais, tal e como resaltou o presidente, fai un esforzo moi destacable por humanizar os espazos pediátricos dos hospitais.
No eido cultural, o Consello acordou recoñecer ao trompetista Esteban Batallán Cons (Barro, 1983) que conta cunha gran traxectoria internacional. Rueda lembrou que, logo de formarse na comunidade -nos conservatorios de Pontevedra e Vigo ou na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia-, foi trompetista principal nas orquestras de Chicago e Hong Kong, entre outras e colaborou con orquestras sinfónicas de diferentes países. Na actualidade, Batallán é membro do departamento de trompeta en DePaul University (Chicago) e profesor da Civic Orchestra, na mesma cidade.
Outra das Medallas Castelao deste ano recae na doutora en Física Mar Capeáns Garrido (Santiago de Compostela, 1967), unha das nosas científicas máis influentes, segundo destacou o presidente. A maioría da súa traxectoria profesional está ligada ao Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), o laboratorio de física de partículas máis grande do mundo e onde segue traballando. Conta con máis de 500 artigos científicos publicados e participa tanto na avaliación de programas de física de a partículas a nivel internacional como en programas da Comisión Europea.
No Deporte, o Consello aprobou conceder este ano a Medalla Castelao ao atleta Adrián Ben Montenegro (Viveiro, 1998), especializado nas carreiras de medio fondo. O lucense quedou quinto nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 na proba de 800 metros e gañou o Campionato de Europa en Pista Cuberta de 2023. Ademais, o pasado mes de febreiro proclamouse subcampión de España nos 1.500 metros.
E, por último, a quinta Medalla Castelao 2026 recae na propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre Tomé. Tras exercer a docencia durante case 30 anos, abriu o seu primeiro establecemento en Coirós, para continuar cun restaurante na Coruña e dar o salto tamén a Madrid, Barcelona e París, establecementos que falan e moi ben da nosa gastronomía.
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual. A gala de entrega terá lugar o vindeiro 28 de xuño, como todos os anos, coincidindo co aniversario da aprobación en plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso á nosa comunidade dos restos mortais de Castelao, explicou o presidente.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.