Notas de prensa

Catro xoves para coñecer a obra e figura de Edgar Neville

Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.

Edgar Neville (Madrid, 1899-1967), indican desde a organización da actividade, é “unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español”. Diplomático, escritor, dramaturgo, pintor e director, “destacou polo seu humor elegante e a súa mirada irónica sobre a sociedade da época”, o que o converteu nun “autor de referencia e nun pioneiro na consolidación dunha linguaxe cinematográfica propia en España”. Con este ciclo, o OUFF e a Universidade de Vigo queren ofrecer “ao público ourensán a posibilidade de achegarse á obra dun creador único, cuxo legado continúa a influír nos cineastas actuais”.

De La torre de los siete jorobados a Mi calle

As proxeccións, abertas ao público interesado e de balde, teñen lugar cada xoves no salón de graos Vicente Risco, no cuarto andar do Edificio de Ferro, ás 20.00 h. Nelas pode verse “unha selección de catro filmes fundamentais na traxectoria do director”. A programación arrancou o pasado xoves 7 co visionado de La torre de los siete jorobados, “un clásico do fantástico español, adaptación da novela de Emilio Carrere, que combina misterio, humor e unha atmosfera única”. Este xoves, día 14, será a quenda de Nada, “versión cinematográfica da novela de Carmen Laforet, gañadora do Premio Nadal, e unha das obras máis recoñecidas de Neville pola súa sensibilidade e precisión narrativa”.

O día 21 proxectarase El último caballo, considerada segundo a organización do ciclo, “unha das primeiras películas ecoloxistas do cinema español, que aborda con humor e melancolía o choque entre tradición e modernidade”. Por último, poderá verse no campus o día 28 Mi calle, “un retrato coral e nostálxico da vida madrileña, onde Neville combina memoria, crítica social e un profundo humanismo”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-05-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES