Noticias

A 42ª MIT de Ribadavia ofrecerá 25 espectáculos de Galicia, Portugal, Francia, México e outras comunidades

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia reunirá do 17 ao 25 de xullo 25 espectáculos procedentes de Galicia, Portugal, Francia, México e diferentes comunidades autónomas, nunha 42ª edición atravesada pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, a memoria histórica, a música en directo e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva. Entre estas propostas figura A Fortaleza, da compañía A Feroz, coproducida polo Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo.

A nova edición foi presentada hoxe nunha rolda de prensa na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto con representantes do Concello de Ribadavia e do equipo do festival. Durante o acto tamén se desvelou a imaxe gráfica deste ano, obra da ilustradora ourensá Olalla Higo, que recolle no cartel o espírito festivo e de celebración da Mostra.

O Goberno galego colabora un ano máis coa MIT a través dun convenio co Concello de Ribadavia por valor de 60.000€ para contribuír á organización dun dos encontros escénicos de referencia en Galicia, con máis de catro décadas de traxectoria e unha implicación que vai máis alá da mera exhibición. A programación deste ano reúne 11 propostas galegas, cinco internacionais e nove estatais, nunha carteleira que reforza o diálogo entre a creación do país e as principais liñas da escena contemporánea.

Presenza do Centro Dramático Galego

Na súa intervención como representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Jacobo Sutil salientou o peso da creación galega nunha programación que incorpora 11 espectáculos producidos en Galicia e na que o Centro Dramático Galego participa como coprodutor en catro deles: Berenguela na gaiola; A Fortaleza; Roland mon amour e José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983. Deste xeito, a unidade teatral da Xunta reforza a súa presenza nunha carteleira que favorece o diálogo entre a escena galega, estatal e internacional.

Entre estas propostas figura A Fortaleza, da compañía A Feroz, coproducida polo Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo. Tamén chegará á MIT Roland mon amour, de Cris Balboa, unha coprodución do Centro Dramático Nacional e do Centro Dramático Galego construída desde a música electrónica, o corpo e a palabra.

O programa incorpora, así mesmo, José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983, do Teatro Experimental do Porto, peza escénico-musical arredor da figura de Zeca Afonso e da memoria democrática portuguesa. Xunto a ela, a presenza da compañía de teatro institucional da Xunta de Galicia completarase con Berenguela na gaiola, coproducida con Galeatro e Xarope Tulú, nunha edición na que a Mostra volve funcionar como escaparate da diversidade, a ambición e a capacidade de colaboración da escena galega contemporánea.

Memoria, música e encontro

A Mostra de Ribadavia dará comezo xusto dentro dun mes, o 17 de xullo, coa compañía galega Chévere e ICTUS (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao), a súa última creación en coprodución co Centro Dramático Nacional arredor da memoria histórica, a democracia e os efectos da desmemoria. Esta liña conecta tamén con A Fortaleza e con José Afonso, ao vivo nos Coliseus 1983. Os tres traballos que revisitan as ditaduras ibéricas, os movementos de resistencia antifascista e os procesos colectivos que fixeron posible a chegada da democracia en España e Portugal.

A produción galega terá un peso destacado ao longo de toda a Mostra con propostas como O Miradoiro, lectura performativa de Alomais Teatro a partir do texto gañador do Premio Abrente 2025; Circanelo, de Fredi Muíño; MONTE, de Laboratorio Escénico; Ribadavia 26, de La Volátil, como resultado dun proceso comunitario desenvolvido arredor da memoria da vila; ou Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro, compañía que acadou o Premio do Público da MIT Ribadavia 2025. Estas e outras propostas sitúan a creación do país no diálogo coa escena estatal e internacional.

A presenza da música e do son como elementos mobilizadores será outra das grandes apostas desta edición. Neste ámbito sitúanse os devanditos espectáculos arredor de José Afonso e Roland mon amour; Mercedes máis eu, da Premio Nacional de Danza Janet Novás xunto á creadora musical Mercedes Peón, que escollerá Ribadavia para a súa despedida dos escenarios; e Atlas de anatomía, da bailarina canaria Paula Quintana, un solo acompañado por un coro de voces en directo.

Tamén artes do movemento

A carteleira incorpora tamén propostas de danza, teatro físico, artes vivas, performance, circo e creación comunitaria procedentes de diferentes comunidades autónomas e doutros países. Entre elas figuran El bolero, de Altraste Danza; Colapso, de Miguel Oyarzun e Juan Ayala; El discurso, de Rosa Romero; El peor espectáculo del mundo. De momento!, de Zanguango Teatro; Acción pálpito, de Diàleg Obert; ou 361º, de Proyecto Tránsito. No plano internacional, o programa inclúe pezas de Portugal e México como Zoombies, de Pedro Vilela; Mi madre y el dinero, de Anacarsis Ramos e a compañía Pornotráfico; e El cuerpo vacío, de Shantí Vera / Cuatro x Cuatro.

A MIT 2026 reivindica, así mesmo, a escena como lugar de encontro coa alteridade e co descoñecido a través de propostas como Estudio para una extracción, de Poliana Lima, ou Hospital de campo, de Societat Doctor Alonso, acompañada do taller El desenterrador. En colaboración coa Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Ribadavia acollerá por primeira vez unha peza do coreógrafo francés Jérôme Bel interpretada pola actriz e performer galega María Roja, primeira tradución ao galego deste traballo. Tamén se inclúe Enchivas, da creadora galega afincada en Suíza Begoña Cuquejo xunto á performer e matemática mexicana Erika Roldán, unha conferencia performativa que cruza fútbol, matemáticas e artes vivas desde unha perspectiva participativa.

R., 2026-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-graficos.jpg) O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC presentou o 40º informe 'A Economía Galega', un estudo que realiza de maneira ininterrompida dende 1986. Os seus directores, Dolores Riveiro e Melchor Fernández, explicaron que o documento se pode resumir nunha 'evolución favorable na maior parte dos sectores de actividade, confirmando unha notable capacidade de adaptación nun contexto internacional complexo'. Os datos de 2025 son 'claramente positivos', afirmaron. 'Galicia pechou o ano co maior aumento de ocupación da última década, no que as mulleres concentran o avance e a inmigración se consolida como un dos grandes motores do emprego'.
Foto de la tercera plana (universidade.jpg) A Xunta e as tres universidades pública galegas pecharon hoxe o acordo para reformar a estrutura de organización da Proba de Acceso á Universidade (PAU). O obxectivo, tal e como destacou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, 'é procurar a maior coordinación para garantir que as probas sexan adecuadas ao nivel e contidos do currículo de Bacharelato e que se corrixan con criterios que reflictan a boa preparación do alumnado galego'. o.

Notas

O Galician Freaky Film Festival presentou diante do MARCO o cartel oficial e as primeiras novidades da súa décima edición, que se celebrará do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo. Un dos momentos centrais da presentación foi o descubrimento do cartel desta décima edición, dedicado ao filme The Fly (La Mosca), e a participación especial de Toxie, a mascota do festival desta edición, un vingador tóxico moi vigués. Durante o acto tamén se desvelou a programación da sección GFFF Tribute.
A Premio Nobel de Física en 2023, Anne L'Huillier, participará o vindeiro mes de outubro no Programa de divulgación científica ConCiencia, da USC e do Consorcio de Santiago. A investigadora conseguiu o recoñecemento da Academia sueca polos seus métodos experimentais que xeran pulsos de luz de attosegundos para o estudo da dinámica do electrón na materia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES