Notas de prensa

Ourense acollerá en xuño o congreso de referencia peninsular en cerámica antiga

Do 9 e 13 de xuño celebrarase en Ourense a VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH). Baixo o título 'Produción, distribución e consumo de cerámicas nos territorios atlánticos da península ibérica', a cita reunirá especialistas de España e Portugal para dar a coñecer as últimas investigación feitas neste tipo cerámica. O groso do evento terá lugar en Ourense, pero un dos días trasladarase a Lugo.

Este SECAH 2026 é o encontro bianual da SECAH, sociedade fundada no ano 2009 e dedicada ao impulso dos estudos da cerámica producida e empregada entre os séculos IV a.C. e VII d.C. A entidade agrupa ás e aos arqueólogos de España e Portugal dedicados a este campo e este congreso reúne a todos os seus socios e socias e a outros profesionais da arqueoloxía da península ibérica. Nesta edición o evento está organizado pola Sección de Arqueoloxía do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, contando co apoio e a colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, o Campus Auga, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o Concello de Lugo e o Concello de Ourense.

Segundo explican desde a organización, durante as últimas décadas os territorios atlánticos foron obxecto de novos e importantes investigacións sobre o comercio e a economía antiga. “Desde as illas británicas ata o estreito de Xibraltar, pasando polas fachadas cantábrica e atlántica da península, numerosas publicacións sobre cerámica xeraron unha nova perspectiva científica destes territorios e da chamada ruta atlántica”, apuntan. A pesar de todos estes traballos, advirten que case non se teñen realizado “reunións científicas que aborden a problemática atlántica a través das novas investigacións cerámicas”. Por este motivo, o VIII congreso da SECAH centrarase nos estudos recentes que abordan a cuestión dos intercambios cerámicos nos territorios atlánticos da península ibérica. “Preténdese que as e os investigadores presenten traballos novidosos sobre materiais cerámicos de xacementos situados na área de influencia atlántica, buscando ademais contextualizar os produtos cerámicos manufacturados nestes mesmos territorios en lugares de consumo tanto na propia fachada atlántica como no mundo mediterráneo", sinalan.

O congreso, detallan desde o GEAAT, conta cun programa composto por arredor de 80 propostas que darán a coñecer as actualidades da investigación cerámica. Aínda que está dedicado aos contextos atlánticos, nel tamén se presentarán comunicacións e pósters sobre xacementos do resto da península ibérica. Amosando a súa satisfacción por acoller e organizar esta cita de referencia no seu eido e agradecendo a confianza depositada pola SECAH e o apoio das entidades colaboradoras, desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio destacan non só a cantidade de traballos que se presentarán senón tamén a súa calidade e a diversidade de temáticas abordadas.

Conferencias, comunicacións, pósters e visitas

A actividade iniciarase o día 9 de xuño cunha conferencia do arqueólogo inglés e presidente emérito da Universidade Americana de Roma Richard Hodges titulada A construción de Europa: arqueoloxía, cerámica romana tardía e a xestación da Idade Media, e cunha recepción no claustro do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. O día 10, a programación trasladarase ao campus de Ourense, concretamente ao edificio do Campus Auga, o proxecto de especialización acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Nesta segunda sesión “repasaranse as cerámicas da fachada atlántica, con conferencias convidadas dos profesores da Universidade de Lisboa Carlos Fabião e Catarina Viegas”. Xa pola tarde será a quenda de presentación de comunicacións e sesión de pósters. O día 11 a actividade continuará no campus ourensán cunha conferencia que correrá a cargo dos profesores Miguel Cau Ontiveros e Leandro Fantuzzi, sobre a aplicación da arqueometría ao estudo cerámico. Tamén haberá comunicacións, a celebración da asemblea xeral da SECAH e un taller de cerámicas.

O venres 12 a programación trasládase a Lugo onde, como parte da programación do Arde Lucus Cultural, celebrarase no auditorio do centro sociocultural O Vello Cárcere a última sesión do congreso, cunha conferencia de peche a cargo dos profesores Horacio González Cesteros (CSIC) e Antonio Saez Romero (Universidad de Sevilla) sobre as relaciones entre o Atlántico e o leste Mediterráneo ofrecendo “unha perspectiva cerámica de máis de mil anos de intercambios comercial”. Na visita a esta cidade haberá “dous talleres nos que se darán a coñecer cerámicas recuperadas en Lugo e Vigo, ben producións locais como materiais importados”. Xa de volta en Ourense, o sábado 13, as persoas participantes do congreso visitarán os xacementos ourensáns do campamento romano de Aquis Querquennis, a ingresa visigótica de Santa Eulalia de Bande e o xacemento da Cibdá de Armea, enclave este último no que GEAAT leva escavando máis dunha década.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES