Notas de prensa

Unha exposición recupera a pegada literaria das grandes mulleres da Baixa Idade Media

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.

A exposición nace do traballo conxunto de dous grupos de investigación: dunha banda, o equipo internacional Nocelba, liderado desde a UVigo polo catedrático Antonio Chas Aguión e que desde 2014 e ao abeiro de diferentes proxectos da Axencia Estatal de Investigación estuda a escritura e as reescrituras literarias da Idade Media, e, da outra, o grupo de investigación Ediciones y Estudios de Literatura Española, liderado pola catedrática Montserrat Ribao Pereira, membro tamén de Nocelba. Ambos os dous comisarían unha exposición para a que contaron coa colaboración do persoal da biblioteca do centro.

14 mulleres que “loitaron, impuxéronse e pasaron á historia”

A través de catorce paneis verticais, a proposta achega ao visitante a algunhas das mulleres máis relevantes da Baixa Idade Media peninsular, figuras de grande interese histórico que adquiren unha especial dimensión desde o punto de vista literario. Todas elas, explica Montserrat Ribao, "se converteron en protagonistas de poesía, teatro, relatos e novelas desde o seu tempo ata a actualidade mesma", ao que engade que “todas loitaron, impuxéronse e pasaron á historia en tempos terriblemente hostís”.

Entre as protagonistas da exposición están Berenguela de Castela, “filla de Leonor Plantagenet e neta de Leonor de Aquitania”; María de Molina, tres veces raíña; Inés de Castro, convertida en figura literaria a partir da súa tráxica historia; Leonor de Guzmán, favorita de Afonso XI e nai da nova dinastía dos Trastámara; María de Padilla, vinculada á figura de Pedro I; ou Catalina de Lancaster, cuxo matrimonio contribuíu á lexitimación da dinastía Trastámara, xunto ás súas validas Leonor López de Córdoba e Inés de Torres. A relación complétase con figuras como Juana Manuel, participante activa en combates e asedios; Leonor de Alburquerque, coñecida como a señora mellor herdada de España, ou María de Castela, lugartenente de Aragón.

Máis aló das súas biografías, os paneis amosan tamén algunhas das obras literarias que estas mulleres protagonizaron ao longo dos séculos. Parte destes contidos poden consultarse directamente mediante códigos QR, facilitando así o acceso ás súas diferentes representacións literarias.

Da Idade Media á novela histórica do século XXI

A exposición presencial complétase cunha selección bibliográfica preparada pola Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución, na que se poden consultar as novelas históricas contemporáneas que recuperan a memoria destas mulleres e actualizan o seu legado. Entre os autores representados figuran Peridis, José Ángel Mañas, Javier Más, Pilar Queralt, Ángeles de Irisarri, Almudena de Arteaga, María Teresa Álvarez ou Paula Cifuentes, entre outros nomes, “que actualizan no século XXI a relevante faciana de todas estas señoras de Castela”, explica Ribao.

Deste xeito, a proposta permite observar como unhas figuras que loitaron por impoñerse e deixar a súa pegada en tempos especialmente hostís —máis aínda para as mulleres— continúan xerando novas interpretacións literarias. "Todas elas loitaron, impuxéronse e pasaron á historia en tempos terriblemente hostís, máis aínda para as mulleres, e a súa pegada chega ata hoxe", sinala Ribao.

A iniciativa terá ademais unha vertente dixital. Desde o propio 17 de setembro estará dispoñible na Biblioteca Virtual TECER, do grupo NOCELBA, un PDF interactivo que permitirá visitar electronicamente os catorce paneis e acceder aos seus contidos. A proposta poderá consultarse na sección de Mediateca da biblioteca virtual, ampliando así o alcance da exposición máis alá do espazo físico da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Estrella Tavera e o guión prohibido de Torrente Ballester

Dentro dos actos relacionados coa exposición, o vindeiro 8 de outubro, xoves, terá lugar unha conferencia do catedrático de Literatura española da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel González Herrán, que falará do protagonismo dunha das damas medievais da exposición, a sevillana Estrella Tavera, nun guión cinematográfico escrito por Gonzalo Torrente Ballester e o director José Antonio Nieves-Conde, baseado nunha obra atribuída a Lope de Vega, presentado en xaneiro de 1950, pero rexeitado e prohibido pola censura ese mesmo mes de marzo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES