
Por este motivo, a Xunta reclama que as futuras decisións europeas teñan en conta as especificidades das rexións cunha elevada dependencia da actividade marítimo-pesqueira.
Entre as principais demandas, Galicia defenderá que o próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 garanta unha asignación específica, visible, plurianual e protexida para a pesca e a acuicultura. A Xunta respaldará neste sentido a referencia de 7.290 M reclamada polo Parlamento Europeo e sostén que os recursos destinados ao sector non deben quedar diluídos dentro de fondos de carácter xeral nin poder ser desviados cara a outras políticas.
A conselleira incidirá tamén na necesidade de facilitar a renovación dunha frota cun elevado grao de envellecemento. Galicia propón permitir a substitución dos buques máis antigos por unidades máis seguras, eficientes e sostibles sempre que non se incremente a capacidade pesqueira neta, diferenciando claramente entre modernizar os barcos e aumentar o seu potencial extractivo.
A Xunta reclama ademais unha revisión da PPC que faga efectivo o equilibrio entre os seus piares ambiental, económico e social, mellore a previsibilidade das decisións sobre TAC e cotas e adapte determinadas normas á realidade das pesqueiras mixtas. Neste marco, Villaverde tamén defenderá o carácter estratéxico das frotas de altura e gran altura, un papel propio para a acuicultura con especial atención á mitilicultura e aos sistemas extensivos de baixo impacto e unha maior participación das rexións pesqueiras na toma de decisións.
Finalmente, Galicia aposta por unha simplificación normativa baseada na dixitalización, na reutilización da información xa dispoñible nas administracións e en controis proporcionais ao risco real. Neste ámbito, volverá a reclamar que a regulación das 87 áreas de ecosistemas mariños vulnerables permita diferenciar as artes segundo a súa repercusión no ecosistema e teña en conta a evidencia científica dispoñible sobre as artes fixas de baixo impacto.
PRINCIPAIS RECLAMACIÓNS DE GALICIA
Dun xeito esquemático, estas son as principais reclamacións que levará a conselleira do Mar no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios:
1. Marco Financeiro Plurianual 2028-2034
Garantir un financiamento específico, visible, plurianual e protexido para a pesca e a acuicultura, evitando que os recursos queden diluídos nun fondo xeral ou poidan desviarse cara a outras políticas.
2. Renovación e modernización da frota
Permitir a substitución de buques envellecidos por unidades máis seguras, eficientes e sostibles sen incrementar a capacidade pesqueira neta. Galicia propón un fondo europeo de renovación e seguridade e pide eliminar o límite automático de 24 metros para investimentos destinados á eficiencia enerxética, seguridade ou habitabilidade.
3. Reforma da Política Pesqueira Común
Facer efectivo o equilibrio entre os tres piares da sustentabilidade ambiental, económico e social e incorporar o impacto sobre emprego, renda e comunidades costeiras ás decisións de xestión. Galicia reclama unha PPC máis adaptable ás pesqueiras mixtas, con maior previsibilidade de TAC e cotas e unha revisión da obriga de desembarque cando provoque especies estranguladoras.
4. Frota de altura e gran altura
Recoñecer o seu carácter estratéxico para a seguridade alimentaria europea e garantir condicións reais de acceso aos caladoiros internacionais. A Xunta pide revisar as situacións nas que acordos con terceiros países permanecen inactivos e bloquean posibilidades de pesca pese a non existir protocolos operativos.
5. Acuicultura
Darlle unha posición xurídica e financeira propia dentro da futura arquitectura europea, con especial atención á mitilicultura e á acuicultura extensiva de baixo impacto. Galicia reclama tamén simplificación administrativa, adaptación ao cambio climático, xestión do risco e apoio á innovación.
6. Simplificación normativa
Manter o nivel de protección dos recursos reducindo burocracia innecesaria mediante dixitalización, principio de dato único e controis proporcionais ao risco. Entre as cuestións concretas, Galicia reclama revisar o peche indiferenciado das 87 zonas de ecosistemas mariños vulnerables para distinguir entre artes segundo o seu impacto real.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.